páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
textos soltos publicados en revistas ou libros colectivos
non incluídos en libros individuais
   

parís-bruxelas

o tren detense no medio da noite

pola xanela vese o vento
neva e dalgún lugar do vagón
vén un vago cheiro a haxix

alguén tose en inglés
dous marroquinos pasan en silencio
e un home de abrigo gris pregunta
canto falta neste tren para o aninovo

  revista Dorna, nº 22
Universidade de Santiago de Compostela (Galiza), outono 1996

instruccións para facer un poema sobre parís


nun poema sobre parís cómpre falar
de putas en pigalle ou dunha exposición
de chagall no museo d'orsay

cómpre falar do café de flore e da ópera
da praza dos pintores en montmartre

e senón mellor calar
porque parís só existe
nas fotos preto e branco
mil novecentos vinte

e que ninguén me fale de neón
hamburguesas ou cervexa americana

  revista Dorna, nº 22
Universidade de Santiago de Compostela (Galiza), outono 1996

e se perdo a voz
as pausas as ideas

se perdo a lingua
se esvaran
das miñas mans os pecados

cal a intención
do dito

das follas gastadas
se non teño pasos

se perdo o corazón
se non bate

cal o resto
dos silencios das culpas

se extravío o destino
se xa non vale a álxebra

cal o sentido
do verso
(sempre)
da dor
da memoria

  www.vieiros.com
"Homenaxe a José Ángel Valente"
especial de poesía na ocasión do seu falecemento

a única escenografía
que se require é un sofá

a guerra televisada é
deus contra deus

din que recollen
cadáveres
entre os cascallos

que diferencia hai
entre un morto e dez mil?

os mortos
non teñen cara na tele

e se son
americanos
subirán aínda máis
as accións
da industria armamentista?

baixarán
iso si
as das liñas aéreas


lembrádeme que fale disto
co meu axente
de viaxes

para as próximas vacacións
que faga as reservas
en autobús

e co de bolsa tamén
e venda e compre

venda

e compre

agora teño que ir
a por galletas
que se acabou o paquete

foi xusto cando a torre
norte
ruía para sempre
na tele

teño que estar preparado
por se mañá alguén
ataca o meu sofá
por decisión ou por erro

a miña morte
non vos preocupedes
pasará por danos colaterais

e a victoria será de deus

tanto teñen as cores
da súa bandeira

  www.vieiros.com
"Pedimos a paz e a palabra"
especial de poesía na ocasión do 11-s en new york

olla para o mar
o desacougo das ondas

lamber dos brazos
o sal das redes

e deixar arrecunchar
a tristura no horizonte

espallarse máis aló
do ceo do naufraxio

  revista Dorna, nº 29
Universidade de Santiago de Compostela (Galiza), 2003

cal é a forza
que che suxeita o corpo
a vontade

cal o pavor
co que ollas o mar
cando os teus fillos non chegan
maria
e vaiche sendo noite
pecha no corazón

  revista Dorna, nº 29
Universidade de Santiago de Compostela (Galiza), 2003

onde vai maría
o teu home

vai no mar
limparnos as penas

onde vai o teu fillo
maría

nos rochedos onda a punta do alén
a espreitar a morte
cada nove ondas

a morte do mar
a de noso

  Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra
Xerais-Espiral Maior, Vigo (Galiza) 2003

aperta fillo
os dentes

empurra os remos con forza
coma se os cravases no peito
do mar

e olla como as ondas
macias flúen debaixo

como nos afundimos

nos pulmóns da noite

  Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra
Xerais-Espiral Maior, Vigo (Galiza) 2003

por quen esperas
maría

xa non hai ninguén
a che limpar as ás

e se o teu home vén
se o teu fillo

cando é noite pecha
coa noite
pecha no corazón
non has chorar

acende o lume
para arredar o frío
do corpo
o negro da alma

  Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra
Xerais-Espiral Maior, Vigo (Galiza) 2003

e pola noite
o bruar nas fendas
as contras a bateren
que volve zoar surleste
e mañá outra volta
habemos lanzar as redes
para coller os restos
do mar
os nosos despoxos

  AA.VV. Alma de beiramar
Asociación de Escritores en Lingua Galega-A Nosa Terra.
Vigo (Galiza), 2003

porque coa túa
boca de peixe
só podes facer silencio
cando a casa fica
baldeira de madrugada
e vai ser longa
a morte maría
a espera
co murmurio só
das ondas cando chegan
agostadas á praia

  AA.VV. Sempre mar. Cultura contra a burla negra.
Burla Negra, Santiago de Compostela (Galiza) , 2003

merquei unha parella
de canarios
para facer menos desolada
a orde da casa

morreron aos tres días
de virus ou tristura

non tiñan aínda
nome

  AA.VV. 37 poemas. por man propia
(edición ao coidado de Antonio Piñeiro)
Edición artesana limitada. Colección Bourel. Ribeira (no prelo)

senta sempre
na mesa do lado

poderías convidala a un café

ou escribir
un poema cos seus ollos

soñarás co café

mais a túa alma prefire
o desacougo breve do poema
a pequena morte de vela marchar e

na túa mesa
unha solitaria taza de café

  AA.VV. Escolhemos Abril. 25 poetas da Galiza
(edición ao coidado de Paula Cruz, Roberto Samartim,
Raquel Bello e María do Cebreiro)
O correio dos navios, Porto (en preparación)

liña 41

sentou ao seu carón

víraa cando subiu no autobús e decidiuno porque
o asento ao seu carón estaba libre
e ela era nova e parecía
bonita detrás do cabelo que agochaba
parte do seu rostro

pero non considerou que o sitio
era o menos indicado para poder mirala

r
equería xirar a cabeza
nun xesto impúdico

ademais
ela mantiña a cabeza levemente inclinada
sobre un libro que lía e o pelo
caíalle polo lado da cara xusto do lado
del

así que durante os vinte
ou trinta minutos da viaxe
debeu conformarse con mirar
os seus dedos as unllas bastante curtas
con esmalte transparente

sostiña un lápiz co que ía facendo
algunhas anotacións nas marxes das páxinas

tiña unha letra áxil e miúda
a súa miopía impedíalle distinguir o texto

durante vinte
ou trinta minutos miroulle as mans
os dedos finos
e iso púxoo
nalgún sentido moderadamente feliz

nalgún sentido
triste

entón ela
levantou a vista
deixando ao descuberto o rostro e el
xirou o seu para mirala
despreocupado da interpretación
que ela puidese facer do xesto

tiña os ollos grandes e un lunar
xusto debaixo do ollo esquerdo

pero o autobús
aproximábase xa ao seu destino
o del e levantouse

dirixiu os seus pasos cara á porta
e premeu o timbre para indicar
ao condutor a súa intención de baixar

  revista Casa da Gramática nº 25
IES "Virxe do mar", Noia (Galiza) , no prelo
 
     
  [regresar á páxina principal] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]