páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
     
    poemario en construción
     
poema   liña 41
versión   3
ligazóns asociadas na bitácora  
                                 
outras versións   1 | 2
 

liña 41

sentou ao seu carón

víraa cando subiu no autobús
e decidiuno porque
o asento ao seu carón estaba libre
e ela era nova e parecía
bonita detrás do cabelo que agochaba
parte do seu rostro

pero non considerou que o sitio
era o menos indicado para poder
mirala

requiría xirarse nun xesto
impúdico

ademais
ela mantiña a cabeza levemente
inclinada
sobre un libro que lía e o pelo
caíalle polo lado da cara xusto do lado
del

así que durante os vinte
ou trinta minutos da viaxe
debeu conformarse con mirar
os seus dedos as unllas bastante
curtas
con esmalte transparente

sostiña un lapis co que ía facendo
algunhas anotacións
nas marxes das páxinas

tiña unha letra áxil e miúda
a súa miopía impedíalle distinguir
o texto

durante vinte
ou trinta minutos miroulle as mans
os dedos finos
e iso púxoo
nalgún sentido moderadamente feliz

nalgún sentido
triste

de súpeto ela
levanta a vista
deixando ao descuberto o rostro e el
vólvese para mirala
despreocupado da interpretación
que ela poida facer
do xesto

tiña a mirada limpa e un lunar
xusto debaixo do ollo esquerdo

pero o autobús
aproximábase xa ao seu destino
o del e levántase

dirixe os seus pasos cara á porta
e preme o timbre
para indicar ao condutor
a súa intención de baixar
na seguinte parada

 
     
    [regresar ao índice do libro] | [deixar un comentario]  
  [regresar á páxina principal] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]  
     
 
licenza creative commons

esta obra está publicada baixo unha licenza de creative commons.