| |
texto
de yolanda castaño na presentación
do caderno apócrifo...
10 de decembro de 2003 na galería sargadelos
(santiago de compostela) |
|
|
| |
|
|
Fina
escrita, escrita finísima da última bela audacia producto
das investigacións poéticas de eduardo estévez.
Un libro tan visual, tan da imaxe, tan de estampas:
É crucial a dirección artística deste libro:
a ambientación, o atrezzo, a fotografía.
O verso
ambiguo, a doble cara. ¿Hermafroditismo? Arte de máscaras.
O verso que é muller, o que ama ás mulleres. Mulleres
raíñas, mulleres atroces. O que morre nas mulleres,
o que vive nelas. O aquecido e inenarrable misterio dELAS. O que
devece por aprehendelo a través das palabras:
| |
"falarei
esta noite
o teu nome de suave sombra
nomeareite en todas as linguas
coma un maleficio
recitarei
o verso da túa pube".
|
E así
o ensaia, así o axexa eduardo neste libro. Este suxeito lírico
difusamente polifacético, este eu poético insultantemente
andróxino, cólase coma un gas da primeira á
segunda persoa, a unha terceira e aínda máis lonxe,
de suxeito até obxecto, de víctima até culpable.
Esta musa-muller convoca o espírito do autor, do facedor
de metáforas puras, ábrelle os ollos ó autor,
a esa parte curva de sí, esa femia. Cólleo da man
a el para levalo a percorrer este mendigo territorio de apariencias,
este teatro. A puta, a trapecista, a chamánica cigana, a
raíña ebria, a pequena princesa sen rostro, a dama
imaxinaria chegada dende os cárpatos.
¿É para eduardo o feminino o oco, a ausencia? ¿ou
é simplesmente que esta fadiña cega se deconstrúe?
¿e qué é o que quedará despois dese
proceso?
Proceso
de deconstrucción, de negación, de marcha. Espazo
do abandono.
Coma rotos rituais desencantados, ausente amor, estampas da derrota.
Ela ábrese triste á posesión de outro(s), sen
amarse o suficiente, corpo aberto e inxel, con esa acre aspereza
das bombillas acendidas. A desterrada que debe esquecer e re-construirse,
con tanta dor. A que recolle as súas cousas e marcha. A muller
que quere romper, a que ser esquecida por quen só lle dona
flores ou pedras. Caderno da desposesión, da desmembración,
da entrega. A que se baleira de palabras, se desposúe do
nome; a que quere morrer para vivir no silencio: asasinar a súa
propia voz e fuxir canda a morte (enmascarada). Aquela á
que se lle veñen negando todas as sílabas.
Son
versos quedos, contemplativos, pero algo pasa. Algo está
a pasar tras das estampas do desalento, retazos do non ser quen.
Tamén neste libro fala o que se cala, viven cousas duras
de máis para dicilas, disfrázanse de elipses, de metáforas
de silencios. Cántame paxaro dende dentro da gaiola. Imaxe
da posesión, do que escraviza, do que submete.
De
cómo se profana unha esperanza, un aceno inédito,
esa pureza. De cómo se estraga, de cómo se clausura.
É durmir, e reencontrarse, recontarse. Contar unha a unha
todas as trazas que me negaron. Coma un bosque de símbolos
do que a miña ignorancia é significativa.
A que escribe -poética da metapoética- para que o
silencio non merque as cicatrices do seu corpo. A que quere deixar
aquí a mendiga e finísima araxe do seu nome; antes
de marchar.
Minte nos seus versos de sexo dooroso adolescente. (O sexo adolescente
non se sente dooroso. Aínda que o sexa). Días ausentes,
días como abismos, solitarios. A morte nos versos deste libro;
o seu bico rigoroso e delicado. E a agonía de nomear, o eterno
acuciante. O baleiro. A desprovisión dos nomes, a senresposta,
o desespero.
O sigo está noutro plano. O signo está noutro plano.
(¿No recanto máis afastado do deserto?)
E alejandra. O tributo a alejandra. A víctima do silencio,
a devota do silencio. Do poema, a mártir.
Decadencia
divina de princesas mortas, de castelos que se derruban, de palabras
esluídas. E aínda que tanta sombra estéril,
que tanto baleiro nos fecunde. Refacerse en lama, reconstruirse
da desposesión. Re-pensarse.
Pero tamén aquí a violencia do medo, o terror da calamidade.
A violencia, a incomprensión, a pechazón. Contra ELA.
A sombra contra ela. O aciago. Mesmo ás veces a morbosidade
desa infamia. O recreo nesa fermosa adversidade, fráxil pálida.
Sombriza. En pesadume. Case autocompasiva. Suicida.
Imaxe
da princesa louca, desesperada, delirante. A súa ansia infinita.
A súa ansia esganada. O ermo. Fuxir. Romper, hai que romper.
Escandalizas. Percorres núa os corredores do castelo. Queres
algo colérico pero algo. Foxes ao deserto. Deserto dos teus
días. Co fardel dos remorsos e o estigma do pecado. Co tremor
e co pánico tatuado na cara interna das coxas. Coa tristura.
E deixaráste ir. Abandonaráste ao frío. Alguén,
pasado o tempo, confundirá os teus pés cunha cortiza
seca.
Pero
a doble voz deste libro redunda no xogo dos equívocos, na
máscara, no espello. Este será un texto controvertido
porque propiciará ese debate, a discusión sobre os
xéneros, o peso das circunstancias de quen o escribe, até
dónde e dónde non debe saberse sobre o mesmo. E sobre
todo ¿cómo inflúe no texto o extratextual?
¿cómo condiciona a nosa lectura? ¿hai unha
escrita intrínsecamente feminina? ¿ten esta unha relación
directa co feito empírico do xénero do autor/a? ¿unha
relación irrevocable? ¿sexo masculino e mans femia?
¿sexo masculino e man ambigua? ¿modifica un texto
a súa sinatura? ¿algunha posibilidade máis
de fraude nesta fraude? ou ¿qué tipos de veracidade
temos o dereito de reclamar como lectores?
Interrogantes
da princesa rota, da boneca decadente, escritas nas páxinas
deste caderno pálido, fermosísimo e apócrifo.
|
|