| |
texto
de estevo creus na presentación
de derrotas
2 de xuño de 2004 na casa das crechas
(santiago de compostela) |
|
|
| |
|
|
Pedir
perdón ó foro. Presentar derrotas. Perdón por
non saber medir esa distancia que "xa non precisas para estar
triste". Si, estou contigo: a miña memoria é
unha postal das rúas da infancia tras o bombardeo".
¡Que pasada! E eu non quería hoxe facerme presente
aquí e falar da miña derrota senón que quería
como ti dis "non poñer mobles para o paxaro ausente...
e atravesar a gaiola en silencio o deserto sumirme no solpor".
Perdón, eu non son eficiente, nin listo. Ti o sabes. Xúrocho.
Non volvo meterme noutra deste tipo porque sufro. Espero que me
creas cando te diga que levo 15 días de derrota obsesiva
tentando escribir algo coherente e que se entenda do teu itinerario.
15 días fumando demasiado. 15 días ocupando cafeterías
estúpidas cos meus espasmos ridículos, 15 días
recibindo patadas dos seguretas do CGAC, 15 días sentindo
a derrota de non ser quen de sintetizar todas as cousas preciosas
que creo entendo pero non sei dicir que entendo. ¿Sabes?
Teño dúcias de fólios con notas incomprensibles
e como dato direi que no meu ordenador este é o séptimo
arquivo que empeza co nome Edu. Perdón por destrozarte o
intre. Debín decir que non. Ser consciente. Xúrocho,
esta é a derradeira. Porque eu non quero falar do contido
literal dun libro. Iso é doado, pero é que un está
farto de que o crítico fale dun libro contándonos
o que conta o libro (incluso desvelando o final e fodendo a película)
ou que confunda os personaxes co autor ou que reiterprete a memoria
de un como se a memoria de un fose o importante. Non, o importante
non é a memoria de un, o importante é a memoria. Cómo
construimos a memoria. Estou farto de que me inventen "traumas"
e me convirtan nun tipo de bicho que non son, e por riba non máis
agraciado que este bicho que en realidade son.
Se
alomenos me deixaras presentarte cun poema. Porque eu son un poeta
(isto eu non o diría nunca se non fose porque ti lle chamas
as cousas o que són e sen medo do que son: poema é
poema aínda que me soe fartal iso de poemas e poetas. Gracias
por dignificar). Pois iso, se alomenos me deixases presentarte cun
poema. Porque eu son un poeta e por iso sei que hai vinte mil variables
funcionando en cada cousa e que se contradín e se axuntan
e se separan e que non se poden explicar con palabras convencionais,
senón creando derrotas (andamios para o texto). Estructuras
de coñecimento. Son tan listos os tolos ¿sabes? Os
tolos son tan listos e saben tanto de cómo funcionan as cousas
que saben que non se poden explicar tampouco con palabras convencionais.
Por iso, de súpeto, collen unha pedra e tírana a un
escaparate de Armani e se masturban diante do furgón proferindo
palabras obscenas e rindo a gargalladas da policía sen que
ninguén entenda nada de nada. ¿Viches a aquel? Si
home, ese que se subiu á farola aquela noite preciosa de
verán a cantar a Marsellesa. Eles saben que o único
recurso estilístico posible para dar conta dos significados
é a figura literaria chamada "tolerías".
En fin, metáforas. Quéroos, uf, son guapos e listos
coma un raio. Científicos. Poetas.
Edu, sintoo. Quería simplemente poder chegar a dicir algo
sobre o que está detrás e como o poeta constrúe
andamios para dar conta do que hai detrás. ¿Por qué
nunca se fala da forma? Do trazo. Do xeito en que... Eu non podo,
eu non teño coñecementos nin son especialista na análise
literaria que tanto boto en falta nos especialistas en análise
literaria. Somente podo dicir que... anda, déixame dicilo
como eu sei:
Constrúes como araña "cos fíos por detrás".
Sen abalorios. Jo, quería simplemente poder chegar a dicir
algo que teña que ver co teu andamio. O poema non como verdade
senón como proceso para coñecer cómo coñecemos
e así derrubar coa ciencia da metáfora e da imaxe
as leis xerais e inamovibles da ciencia. Esa gran metáfora
para unha simulación serodia. Quería falar do texto
como excusa para comprender e trazar unha liña aristotélica
e recuperar iso de que a poesía (a diferencia dos políticos
e da ciencia) non só fala das cousas como son, senón
de cómo son, de cómo poderían ser e das potencialidades
de ser. E, é curioso, se as cousas poden ser outras cousas,
as cousas non son, senón que están, dándose
irremediablemente inaprensibles para o eterno. To be or not to be.
O tempo non existe. Dédúcese das transformacións.
¿Como pode ser, se ti empregas verbos e accións e
tempos e consegues esa maxia da quietude? Poder definir o mundo
non polo que é senón polo silencio que media entre
dous que é. Ti constrúes así. A túa
poesía dime iso. ¿É o silencio entón
o que permite que os obxetos sexan ruído e non se silencien?
Figura-fondo. Ti o dis: o poema como linde para o distinguo. O Poema
como escusa para dotar de significado a selva. ¡Claro! Se
ollo e obxeto se dan nun mesmo punto, somente o poema pode crear
o espazo preciso entre ambos para que ambos os dous existan. Xa.
Trazar unha liña de ausencia. ¿Esa é a derrota?
Facer unha poética da ausencia para desvelar, por contraposición,
o territorio. ¡Cabrón! Araña. Qué ben
constrúes o invisible: sustantivo-silencio-sustantivo, frase
curta verbo de acción, metáfora. Fillo de puta cabrón,
claro, Edu, claro: o invisible tamén é significado
ou é o que dota de significado. E o significado non soporta
os adornos: abalorios. Less is more, que dicía Mies Vander
Roe. Escribir como esculpe Sol Levit. Araña.
Porque
a traducción da túa poética é arañadamente
sinxelo-complexa. E DIGO poética porque este libro é
o que está detrás de todos os teus libros preciosísimos.
Por iso entendo que reivindiques a ficción na poesía
e nos advirtes de que non se nos confunda o eu: "¿cal
é a necesidade de falar dun mesmo no poema?" Disnos.
"¿somos acaso máis fermosos que cada amante novo
de cavafis?". O que silencias é precisamente para min
o importante. ¿Acaso non é a ficción unha nova
definición da verdade polo que non é verdade? ¿Non
é a elección-construcción sobre o que ficcionar
o xogo-derrota que permite desvelo? ¿É o urinario
de Duchamp a obra de arte ou é Duchamp a obra de arte capaz
de converter un puto urinario en Duchamp?
A derrota,
amigo, ti o sabes, a derrota pode ser a túa liña de
mirada sobre o cadro. A derrota é o rastro que quedaría
se puidésemos pintar a inercia da caída. Poema.
Vasme
matar porque isto non se di nas presentacións. Mira, a min
parécesme bonito. Bonitos ti e máis eu nesa postal
camiñando polas rúas. Eu coma un xigante grande facendo
aspaventos cos brazos e todo bonito e embarullado. E ti aí,
ó meu carón, un tanto máis cativo, máis
quieto, coas túas gafas na greta do muro. Bonito, coas gafas,
bonito, listo coma un raio, trazando a derrota.
|
|