| |
texto
do autor na presentación
do caderno apócrifo...
12 de xaneiro de 2004 na librería lumen
(a coruña) |
|
|
| |
|
|
Empecemos
por que non me parece boa idea que o autor tome a palabra para dar
explicacións dun libro propio. Se o texto non é quen
de se defender por si mesmo, mal asunto. De todos os xeitos, tampouco
é que a miña pretensión con estas palabras
introdutorias sexa, xustamente, dar explicacións sobre o
que significan os poemas do caderno apócrifo. Tal
vez este texto trate simplemente de enunciar algúns principios
que considero relevantes no proceso de producción do libro,
e pouco máis.
Primeiro asunto: a voz poética. Supoño que non é
necesario dar demasiadas explicacións, a estas alturas, sobre
o concepto de "voz poética", equivalente en poesía
ao concepto de narrador que si está claro para todos.
Partimos da premisa, xa que logo, de que debemos ler o texto poético
coa mesma vontade de ficción coa que nos enfrontamos á
construcción narrativa. Queda claro que a voz que fala nestes
textos é a dunha muller. Yolanda Castaño, cando presentou
o libro en Santiago, falou de androxinia e travestismo. É
unha lectura posible (todas sono). Eu decántome, en cambio,
por unha voz feminina, sen titubeos. Preguntábase Yolanda,
daquela, ata onde se lle pode esixir ao poeta sinceridade (ou honestidade,
non lembro a palabra exacta). Eu respondo que ao escritor debe esixírselle
sinceridade sempre. O cal no quere dicir que o texto poético
deba ser autobiográfico. A honestidade do texto está
na súa ética, na súa proposta ideolóxica.
Na súa emoción.
Preguntábase Yolanda tamén ata onde o nome do autor
que aparece na portada condiciona a lectura. Que conste que pensei
moitas veces a posibilidade de editar o libro baixo un seudónimo
feminino. Finalmente decidín confiar no lector. Probabelmente
o nome do autor na portada condicione a lectura, como temía
Yolanda. En realidade, as nosas lecturas sempre están condicionadas:
estamos condicionados cando lemos unha nova novela de García
Márquez, ou se abrimos un libro dunha autora iraniana contemporánea.
De todos modos, os condicionamentos que se presentan neste caso,
polo mesmo que son moi evidentes, tal vez sexan máis fácilmente
eludíbeis.
Segundo asunto: as homenaxes. Alguén dixo unha vez (e non
é a primeira vez que o lembro en alto) que cada un escribe
sobre as súas propias experiencias. E as miñas, en
boa medida, son as que me aportan as lecturas.
Ademais disto, hai lecturas que marcan, e eu non podo agochar que
a poesía de Alejandra Pizarnik foi definitiva para min, cando
menos durante os meus primeiros pasos como escritor de poesía.
Onde estaría eu sen esa procura desesperada de Alejandra
pola precisión no verso, pola palabra exacta, polos silencios
elocuentes, pola expresión descarnada.
Así que a homenaxe a Pizarnik era, para min, unha débeda
necesaria.
Doutra banda está Apollinaire. Apollinaire chega a este libro
máis por casualidade, aínda que non se lle escapa
a ninguén que coñeza a obra destes dous autores, que
hai moitos presupostos comúns entre eles. Así que
permitín esta maridaxe literaria entre Pizarnik e Apollinaire
nos meus poemas. Intúo que a Alejandra gustaríalle.
Este é un libro, xa que logo, de homenaxes. E aínda
que nos textos as referencias están agochadas (non se marcan
as citas con comiñas nin con outros artiluxios tipográficos),
a cita inicial e mais o poema de peche deixan claro onde hai que
buscar, para quen queira pasar o traballo. En calquera caso, eu
preocupeime sobre todo de que estas páxinas fosen sitio de
encontro destas dúas poéticas. Agardo que o encontro
fose fructífero. Non depende de min esta valoración.
Unha consideración final. Sostiven sempre (e tampouco non
invento nada) que ler un texto literario dende a biografía
do autor era un engano. Aínda que, nalgúns casos,
a tentación sexa grande. E, curiosamente, maior é
a tentación cando se trata de poetas con vidas especialmente
atormentadas, e xa nin falar cando, coma no caso de Pizarnik, estamos
diante dunha poeta suicida.
E, se nos fixamos ben, este é o culmen do engano.
Se ler un texto dende a biografía do autor implica omitir
a vontade consciente que está detrás de todo proceso
de escrita, ademais do que xa dixen da voz poética ao comezo,
ler o texto dun poeta suicida a partir da súa morte, é
a perversión completa: estamos a ler un texto a partir de
eventos biográficos que aínda non aconteceran no momento
da escrita!
Un pequeno paréntese aquí para preguntarme se o recurso
á poetización da privacidade non é un acto
impúdico, como o é tamén a publicación
duns diarios persoais. Pero, nestes tempos de Gran Hermano e prensa
rosa, parece que calquera destas ousadías está permitida,
e non semella cuestionábel (aínda que para min o é)
un achegamento literario á intimidade da persoa.
Esta homenaxe é, xa que logo, a perversión completa:
homenaxe literaria a unha poética, dende a impúdica
reconstrucción biográfica do personaxe. Pero, que
é verdade nos poemas? Onde remata o biográfico na
homenaxe, e onde comeza a construcción ficticia? A verdade,
supoño, non existe. A verdade, en todo caso, está
na construcción honesta da idea do poema, na enunciación
das preguntas que nos permitan unha reflexión estética.
A verdade está na dor, cando se expresa. E nas palabras,
fugaces, que constrúen unha tristura, e logo esvaen na néboa
da memoria. E mesmo así sei que non hai desculpa, e cargo
con iso.
|
|