páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
 
caderno apócrifo da pequena defunta
sada (galiza), ediciós do castro, 2003
xv premio de poesía eusebio lorenzo baleirón - concello de dodro
 
(podes ler aquí o texto de yolanda castaño
na presentación do libro en santiago de compostela)
 
(podes ler aquí o texto do autor
na presentación do libro na coruña)
 

 

(selección)

a pequena
defunta princesa

a bebedora de opio
veleno doce e casto

ánima en pena
percorre comigo
este territorio de aparencias

descóbreme
as portas da dor

escribe
arredor dos meus peitos
o ritual de signos

convoca o espírito
do facedor de metáforas puras

abre os ollos
amósame
o seu corpo
coma unha flor de ausencias

as miñas palabras

o meu cansazo
e sede

o meu rostro
nos espellos

o silencio

bebe dos meus peitos
con beizos rouges

faime o amor
fala
palabras procaces
nunha lingua musical

(¿será o mar
que oes dentro miña

os seus desazos?)

desgárrame
erótica
vende o meu corpo
aos comerciantes de opio

veleno doce
casto

os meus restos
ao marchares déixaos
ordenados
canda o cestón da roupa limpa

quixen celebrar contigo
cerimonias de mapoulas

mais só fun quen
dun ritual de lilas
e naufraxios

das agonías dun anxo
da chuvia nos cristais
dos meus ollos en derrota
das túas mans sobre o peito
da procura do silencio
da soidade
das palabras deste mundo
coas que explicar o que resta

era fonda noite
cando cheguei ao teu piso
nun recanto esquecido

a cidade dos designios

xa marcharas
deste val de palabras

e só deixaras
nunha vitrina
os cadáveres exquisitos
das mulleres amadas

aló na rúa
os coches brúan
unha vez
e outra arredor da praza

abandonada eu no medio
dos ecos da sala
deixei constancia
con cuspe escuro
da palabra necesaria

(ti e mais eu teremos
beixos castos
sen dicilo)

amei mulleres atroces
en todas as cidades

percorrín os bosques
ouveando en cío
os desertos

vendín
o meu amor a catro
ou vinte raíñas ebrias
nun palco reservado
(clausurado)
do teatro da ópera
arte de máscaras

unha mañá ofrecín
a miña pel
á dama imaxinaria
chegada dos cárpatos

afundiu nela
os seus colmillos

sorbeume a sede

(moito máis vale
a despedida
que este obsceno poema que escribo
sobre a morte
e os seus rostros innúmeros)

unha imaxe de hai séculos
que non é lembranza
mais xesto cotián:

cando por vez primeira
abrín o meu sexo a zumes quentes
as palabras coas que nomear o silencio
quedaron baldeiras
pingando sangue

acubillei
paxaros entre as pernas

e eles beberon
do meu líquido manso
e duradeiro

inventaches ti logo
gaiolas de palabras

morreron
promediando o inverno

(e cantaban o himno
á fermosa mais branca)

 
   
  [regresar á páxina principal] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]