CDR O VISO
TAMÉN FOI NOTICIA
16. Curso de Monitoras/res de Tempo Libre
15. Obradoiro de danzas do mundo en Lodoselo
14. A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911 - 1925)
12. A experiencia de traballo sociocomunitario do CDR O Viso estudada nun libro sobre o Terceiro Sector.
11. A Axenda nova limiá forma parte da paisaxe estudantil na comarca
10. V XORNADAS DO MEDIO NATURAL: Lodoselo (Ano Internacional das Montañas)
9. Aberta a vivenda comunitaria en Lodoselo
8. Convenio do CDR O Viso e Cáritas de Ourense
6. Folletos do "CIX" e da vivenda comunitaria "A túa outra casa"
5. Asemblea Xeral Ordinaria de COCEDER en Lodoselo
4. Campo de traballo en Lodoselo
3. Comedor Social: Un convenio permite abrir a diario.
2. Publicación: Cadernos do CDR O Viso 1. "Identidade e Actividade"
1. Conclusións das IV Xornadas sobre o Medio: Educación Ambiental
16. CURSO DE MONITOR/A DE TEMPO LIBRE
Do 28 de Xullo ao 16 de Agosto en Lodoselo (Sarreaus)
O curso consta dunha fase teórico-práctica de 200 horas e outra práctica de 14 días de actividade nun campamento, ou de 150 horas de actividade periódica nunha entidade que traballe no eido do tempo libre (DOG 10.03.00).
Titulación Homologada pola Xunta de Galicia.
Requisitos: maiores de 18 anos e graduado escolar ou en E.S.O.
Prezo: Só o curso 220 €
Curso e xantares 300€
Curso, aloxamento e manutención 510€
. (1º pago de 60€ pola inscrición e o resto ao comezo do curso)
Datas: 20 días continuos.
Horario: de 9.00h. a 14.OO. e de 16.00h. a 21.00h. Posibilidade de empregar
o albergue do pobo escola para pasar a noite e o comedor comunitario para xantar
O PRAZO DE INSCRICIÓN REMATARÁ CANDO SE CUBRAN TÓDALAS PRAZAS DO CURSO
Para inscribirse enviarnos nome, apelidos, DNI, data de nacemento (mínimo 18 anos), teléfono, correo electrónico, enderezo e nivel de estudos (mínimo graduado en ESO) e ingresar 60€, na conta nº de “La Caixa” a nome do C.D.R. “O VISO” e poñendo o nome do alumno/a no resgardo.
15. Obradoiro de danzas do mundo en Lodoselo
A escola de educador@s no tempo libre "Limicorum" do C.D.R. "O Viso" realizou un Obradoiro o fin de semana do 21 e 22 de xaneiro de 2006 en Lodoselo. Sábado todo o día e domingo pola mañá no albergue do Pobo escola.
O obradoiro "Danzas do Mundo" pretendeu devolvernos o sentido de estarmos conectados ó noso corpo e a capacidade de dirixir os movementos e tarefas que forman parte da nosa identidade, ser unha fonte xenerosa de deleite e un achegamento á interculturalidade rítmica.
Estivo dirixido máis especificamente a educadoras/es, monitoras/es nos tempos libres, animadoras/es socioculturais… pero tamén ao público en xeral interesado en coñecer cómo as diferentes culturas souberon aproveitar e conectar as calidades do noso corpo, tanto pola súa graza coma polas habilidades que envolven.
Participou un grupo de 30 persoas que se apuntaron no CIX da Limia, por teléfono no 988461571 ou na web do CDR O Viso (www.cdroviso.org); o custe da actividade foi de 15 € (o prezo incluíu o xantar do sábado no albergue do Pobo escola).
14. A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911 - 1925)
O día 4 de xaneiro de 2006 ás 20.30hs. Na Casa da Cultura de Xinzo de Limia o CDR “O Viso” presentou o libro:
A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911 - 1925) de Edelmiro Martínez Cerredelo
Coa intervención de Antonio R. Corbal, Antón Riveiro Coello, e Edelmiro Martínez Cerredelo e a Colaboración musical de Anxo Blas Trío e o Coro da Asociación Aimil Folc
As V Xornadas sobre o Medio organizadas polo CDR O Viso –coa colaboración da Universidade de Vigo-, celebradas en Lodoselo o 12 e 13 de novembro de 2005 e subvencionadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Social Europeo fixéronse eco da Gandería e Agricultura Ecolóxica como alternativa; salientar a modo de conclusións algúns puntos como:
1. Respecto do uso de pesticidas (agrotóxicos) fíxose fincapé en que existe un descontrol no seu uso. Sendo produtos altamente tóxicos, o seu emprego e venda, non require profesionais especializados. Non se respectan as doses, non se respectan os prazos de seguridade: úsanse mal provocando unha maior incidencia dos efectos negativos. Algunhas consecuencias do seu uso son:
i. Contaminación perdurable a longo prazo e descoñecemento do seu paso a inerte. Ex. O DDT prohibido dende 1972 e usado dende 1940 aínda na actualidade é detectado no medio.
ii. Crean unha contaminación difusa sobre as fincas lindeiras.
iii. Os exemplares que sobreviven crean resistencias.
iv. Destrúen os equilibrios naturais.
2. Constatouse a entrada no mercado dos transxénicos sen coñecer a longo prazo os efectos que poden ter; tamén a falta de investigación e o control que teñen as casas de produtos fitosanitarios. A súa incidencia na saúde dos labregos/as con diversos tipos de intoxicación: crean un efecto acumulativo, hai incidencias canceríxenas, alerxias... É moi dificultoso o estudo dos seus efectos e moi custoso economicamente.
3. Na agricultura e gandería biolóxica a terra non é só o soporte físico no que se asentan as plantas senón que funciona como u ser vivo. O uso de agroquímicos destrúe os procesos vitais da terra converténdoa nun medio inerte ó que hai que engadir nutrientes, abonos químicos, desinfectantes... agrotóxicos, cun dano real na saúde. A alternativa para o mantemento da fertilidade da terra é facer compostaxe, “abono natural” de fácil obtención e libre das ataduras comerciais coas multinacionais.
4. Hai alternativas: son posibles e viables economicamente.
a. En Gandería, coñecemos “in situ” Biocoop: produción de carne de vacún en extensivo de alta calidade. Permite o mantemento de poboación e valoriza o medio rural. Hoxe hai máis demanda de produtos deste tipo que oferta.
b. Tamén coñecemos a produción de polo ecolóxico aínda en fase experimental e con escasísima incidencia.
c. En agricultura estanse obtendo hoxe produtos de alta calidade carentes de residuos tóxicos cun beneficio notable na saúde dos labregos/as e consumidores/as.
d. Rómpese o mito da necesidade de empregar agrotóxicos continuos para a obtención de produtos agrarios, obténdose alimentos con CALIDADE NUTRITIVA, sen dano ó medio.
e. Nas experiencias explicadas detéctase un coñecemento profundo das materias que teñen entre mans; a observación e a experiencia no seu traballo leva á continua busca das solucións máis axeitadas.
f. Na agricultura e gandería convencional hai unha dependencia total das industrias agroalimentarias que canalizan a produción e obrigan ós labregos e gandeiros a depender en exclusiva dos seus produtos.
En Lodoselo a 13 de novembro de 2005.

Saber cales son as políticas e prácticas para a inclusión social en España é o asunto que ven de publicar nun libro a Plataforma de ONGs de Acción Social con achegas que interesarán a quen impulsa as ONGs que loitan contra a exclusión.
A experiencia do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso" analizada de forma integral é un dos seis casos significativos de boas prácticas que se mostran como referencia tanto para a ampliación posterior do Banco de Boas prácticas como para o desenrolo de novas prácticas de acción social e institucional pola inclusión.
Dun total de setenta prácticas seleccionáronse seis que, cumprindo os requisitos básicos establecidos lle pareceron significativas ó equipo de investigación; estas prácticas non só foron seleccionadas por recoller gran parte dos criterios complementarios senón tamén por representar unha diversidade da temática abordada, ámbito territorial de actuación e colectivos ós que se dirixe.
Xunto coa experiencia do CDR O Viso –integrada en COCEDER, Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural, de ámbito estatal- co seu programa integral dirixido á poboación rural desfavorecida, aparecen:
O programa Vivenda de continuidade e Emancipación desenvolvida pola Asociación Valenciana de Axuda ó Refuxiado dirixida a menores inmigrantes non acompañados
O Centro de Integración Social da Fundación Lesmes (Burgos) que acolle a homes e mulleres que comparten a falta de todo tipo de recursos.
O Programa Encontro e Acollida Siloé desenvolvido por Cáritas Diocesana de Ciudad Real de traballo con persoas drogodependentes, consumidoras en activo que quedan ó marxe do sistema sociosanitario formal.
O proxecto Marco Interinstitucional de atención social á Vellez levado a cabo polo Institut Catalá de la Salut, Cáritas Diocesana de Barcelona e os Servizos sociais do Concello de Barcelona.
O programa "xestión da diversidade" de Transports Metropolitans de Barcelona.
Un paso más hacia la inclusión social é un estudio dirixido polo Catedrático de Ciencia Política, Director do IGOP (Intituto do Goberno e Políticas Públicas)-Universidade Autónoma de Barcelona, Joan Subirats, recoñecido estudoso do Terceiro Sector. A primeira parte do libro explica o concepto de exclusión social e os eixes das políticas pola inclusión. Na segunda parte hai unha aproximación ó concepto de boa práctica para a inclusión social e do Banco de Boas prácticas e estúdanse en profundidade e compáranse as seis experiencias.
O estudio reúne o rigor da análise científica, o significado social do compromiso cunha acción eficaz que trata de conseguir que os grupos vulnerables e excluídos alcancen a plena cidadanía.
Lodoselo a 7 de abril de 2004.
11. A Axenda nova limiá forma parte da paisaxe estudantil na comarca
O equipo educativo do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso confeccionou a axenda nova limiá do curso 2003-04 que se entregou neste comezo de curso a todo o alumnado dos IES Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía. Aquela iniciativa que xurdiu hai tres anos forma parte xa -dalgunha maneira- da paisaxe estudantil da comarca.
A axenda recolle servizos de interese para a mocidade na comarca así coma enderezos e teléfonos de organismos para a xuventude, voluntariado, muller, emprego, ONGs, etc... e outros que esperan sexan de utilidade no quefacer cotián dos estudantes.
Preténdese mantendo esta iniciativa animar a loitar a favor dos moitos recursos que temos na comarca, pero primeiro haberá que coñecelos porque xa dicían os latinos que nada é querido se antes non é coñecido. Por isto a axenda escolle algúns textos sobre a Limia, así como imaxes da arte (algún reloxo de sol, peto de ánimas, canzorros románicos, adornos celtas...) e de árbores significativas da Limia (sabugueiro, bido, carballo...).
Recolle a oferta educativa en Xinzo (estudios e titulacións nos IES de Xinzo) así como a oferta educativa de ciclos formativos, calendario de implantación da LOXSE... E información do CDR O Viso (fins, proxectos en funcionamento); un deles é o do Centro de Información Xuvenil: O CIX, xurdido da iniciativa do CDR O Viso en 1995 co subsidio do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e o apoio do Concello de Xinzo; centro que mantén unha especial atención ós mozos/as da comarca non só a través da Oficina que está aberta na casa de Cultura de Xinzo; tamén e sobre todo con antenas de información que puntualmente se asentan nos dous IES (esta mesma semana - luns e xoves- montáronse mesas informativas para facer o carné xove e doantes de órganos); tamén -entre outras cousas- envíase un voceiro informativo cada 15 días a todas as asociacións, concellos e organizacións da comarca que o solicitan (52 neste momento).
A axenda inclúe outros apartados: ademais do saúdo e presentación, calendario, páxinas para os datos persoais, materias e profesorado, horario de clases, as datas dos meus exames, outras datas para outros exercicios, planning, regulamento de réxime interno do IES, notas, axenda telefónica, correo electrónico e dietario.
Para facer posible esta axenda - que se espera seguir mellorando e enriquecendo para os vindeiros cursos contando coa axuda dos destinatarios/as- axudaron no seu financiamento a Consellería de Educación e O. U. a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, os IES Lagoa de Antela e Cidade de Antioquia e o CDR O Viso; tamén colaborou o Centro de Cultura Popular do Limia.
Na Limia a 18 de outubro de 2003.
10. V XORNADAS DO MEDIO
NATURAL: Lodoselo (Ano Internacional das Montañas)
ORGANIZADORES: - Centro de Cultura Popular do Limia, Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, Comité de defensa do monte galego.
COLABORA: Concello de Xinzo de Limia.
Lugares e datas das actividades: Salón de Actos da Casa de Cultura de Xinzo os días 14 e 15 de Novembro. Entorno da Abadía do Bo Xesús de Trandeiras o día 16 de Novembro.
PROGRAMA DAS XORNADAS:
Día 14:
Conferencia sobre "Os ecosistemas da Montañas e montes da Limia" a cargo do Centro de Cultura Popular do Limia.
Diaporama "As montañas e montes da Limia" a cargo do Centro de Cultura Popular do Limia.
Mesa redonda para falar das "Alternativas socio-políticas sobre o medio natural limiao" coa participación de representantes de grupos políticos e sindicais.
Horario e Lugar: A partir das 19.00hs na Casa de Cultura de Xinzo
Día 15:
Conferencia-diaporama "O monte é vida, o lume é morte" a cargo do Comité de Defensa do Monte Galego.
Mesa redonda sobre as "Alternativas viables para a defensa da Limia patrimonio e natureza"
Conferencia sobre "Protección xurídica do medio ambiente" a cargo de Alfonso Grande Pérez.
Horario e Lugar: A partir das 19.00hs na Casa de Cultura de Xinzo.
Día 16:
Plantación de especies autóctonas.
Actuación de cirurxía arbórea sobre exemplares enfermos con explicación do proceso por parte de Juan Higueras.
Actuación sobre o sotobosque a cargo da cooperativa forestal "Os Érbedos" de Moreiras.
Presentación do Comité de defensa do monte galego ca explicación dos seus obxectivos.
Conferencia sobre "Valor monumental da Abadía do Bo Xesús de Trandeiras" a cargo de Manuel Seoane (arquitecto)
Intervención de David Blanco, de 92 anos sobre "Unha historia viva da Abadía".
Magosto.
Horario e Lugar: A partir das 15.00hs no "bosque de Trandeiras" (entorno Abadía do Bo Xesús).
9. Aberta a vivenda comunitaria en Lodoselo

A túa outra casa, o programa de maiores do CDR O Viso, conta dende o día 15 de abril cun novo servizo: a vivenda comunitaria tutelada.
Primeiro foron as actividades de ocio e tempo libre (recuperación de festas e costumes populares, excursións, visitas, ximnasia de mantemento, actuacións...) e as formativas e informativas (charlas, educación de persoas adultas, pobo escola).
Dende hai máis de tres anos o servizo de comedor, no Centro Social en Lodoselo -na compaña doutras persoas-, ou, a domicilio. Tamén o servizo de lavandería e o servizo de axuda (acompañamento para a realización de xestións, compras, correspondencia...).
E, agora, a vivenda comunitaria tutelada; unha fermosa casa construída entre a escola e a casa reitoral, nun terreo doado pola Igrexa; aínda faltan por acondicionar os arredores da vivenda, recuperar unha parte do muro de pedra que teñen os destros da igrexa e que é algo que se comprometeu a facer o Concello de Sarreaus.
Neste momento hai 4 reservas feitas dos Concellos de Xinzo de Limia, Trasmiras e Sarreaus para a vivenda comunitaria, un aloxamento tutelado para persoas maiores cun alto grado de validez. É por isto que o CDR O Viso presentou a estes Concellos un modelo de convenio para colaborar nesta aposta por un modelo de atención ós nosos maiores no que as circunstancias non os obriguen ó abandono do seu lugar de referencia na súa existencia: a súa casa, a súa xente, o seu pobo... Tamén se presentou á Deputación de Ourense e a principios de mes, membros do CDR O Viso foron recibidos por Cristina Fdez. compaña do Director Xeral do Maior e das persoas con discapacidade, acudirán a Lodoselo.
Para cubrir as prazas do persoal contratado para este novo servizo o CDR fixo unha oferta pública de traballo a través do servizo galego de colocación e ó persoal que reunía os requisitos imprescindibles fíxoselles unha entrevista que se complementou cun baremos de méritos no que se puntuaba o domicilio na comarca, a colaboración como voluntario/a en ONG(s), a experiencia de traballo, os estudios e cursos de formación. De momento van ser dúas as persoas que entraron e contarán coa axuda do persoal actual con que conta o CDR e os voluntarios/as do Centro para ofrecer atención, apoio e cariño que queren ser as sinais de identidade desta nova casa.
Lodoselo a 14 de abril de 2002
8. Convenio do CDR O Viso e Cáritas de Ourense
Un convenio con Cáritas Diocesana de Ourense posibilita a compra dun vehículo de nove prazas para realizar o transporte diario das persoas que acoden ó comedor social do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso en Lodoselo. Este servizo víñase facendo dende hai máis de tres anos que leva funcionando o comedor social- nos vehículos dos traballadores/as e persoal voluntario do CDR O Viso.
Esta iniciativa púxoa en marcha o CDR O Viso a través da Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural e co financiamento do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais. Nestes dous últimos anos tamén cofinanciaron este servizo a Consellería de Sanidade e Servizos Sociais.
No empeño de facer posible o que é necesario e de que o que redunde no ben de cada un dos seres humanos é irrenunciable estas organizacións seguirán loitando por mellorar a calidade de vida e a participación das persoas do rural, principalmente dos nosos maiores que cada día respiran máis soidade e marxinación. Por isto agardan conseguir fondos para adaptar este vehículo e facilitar a accesibilidade a todas as persoas que o precisen.
Na actualidade son usuarios diarios deste comedor persoas de tres Concellos diferentes: Xinzo de Limia, Trasmiras e Sarreaus polo que o CDR tamén lles presentou un Convenio de colaboración a estes, á espera de que tras ser estudado e modificado nos puntos que as partes crean oportuno sexa asinado.
Tamén foi presentado un posible modelo de convenio á Deputación Provincial de Ourense.
O obxectivo é posibilitar a continuidade e dar apoio á prestación de servizos que o CDR ven desenvolvendo a través do Centro Social en Lodoselo: servizo de axuda ós maiores, comedor social, servizo de trasporte, lavandería e pasado de ferro, actividades formativas... e que agora se complementa coa apertura da vivenda comunitaria: A túa outra casa.
Está aberto o prazo para facer a reserva de praza e o empeño dos membros do Centro é que poidan ser beneficiarios desta vivenda comunitaria tutelada todas as persoas que o precisen e non só os que teñen medios para pagar o custe real do servizo polo que é necesaria a implicación das diferentes administracións.
Todas as persoas interesadas poden pedir máis información no Centro de Información Xuvenil da Limia, nos Concellos ou no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso.
11 de marzo do 2002
7. Axenda nova limiá: outra iniciativa do CDR O Viso
O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso confeccionou a axenda nova limiá 2002 para entregar a todo o alumnado dos IES Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía. Nestes primeiros días do segundo trimestre os dous IES da Limia están a distribuír esta axenda preparada polo equipo educativo do CDR O Viso e na que se recollen algunhas informacións de interese e que esperan sexan de utilidade no quefacer cotián dos estudantes e ó mesmo tempo para coñecer mellor os servizos que ten á súa disposición a xuventude limiá, facendo especial fincapé no Centro de información Xuvenil da Limia outro dos servizos do CDR para a comarca-.
Tamén se quere con esta iniciativa animar a loitar a favor dos moitos recursos que temos na comarca, pero primeiro haberá que coñecelos porque xa dicían os latinos que nada é querido se antes non é coñecido. Por isto a axenda escolle tres pequenos textos sobre a Limia, e recolle a oferta educativa en Xinzo e a oferta educativa de ciclos formativos, os servizos de interese xuvenil na comarca e enderezos e teléfonos varios, así como información do CDR O Viso (fins, ámbito de actuación e actividades) e do Centro de Información Xuvenil: qué é, onde se atopa, sobre qué te podemos informar...
A axenda inclúe outros apartados: ademais do saúdo e presentación, calendario, páxinas para os datos persoais, horario de clases, notas, axenda telefónica, correo electrónico e dietario.
Para facer posible esta axenda que se espera mellorar e enriquecer para o vindeiro ano, contando coa axuda dos destinatarios/as- axudaron no seu financiamento a Consellería de Educación e O. U. A través da Dirección Xeral de Política Lingüística, os IES Lagoa de Antela e Cidade de Antioquía e o CDR O Viso.
9 de xaneiro do 2002
6. Folletos do "CIX" e da vivenda comunitaria "A túa outra casa"
O CDR "O Viso"
publicita con dous folletos o Centro de Información Xuvenil da
Limia e a Vivenda Comunitaria Tutelada aproveitando unha
subvención da Dirección Xeral de Política Lingüística da
Xunta de Galicia.
"Sae de dúbidas... Aquí nos tés" é o lema que o CIX volve empregar neste folleto no que se explica:
- ¿Que é o CIX?
-¿Onde nos podes atopar?
-Sobre qué te podemos informar.
O Centro de Información Xuvenil da Limia xurdiu da iniciativa do CDR "O Viso"- pensando nos mozos/as da comarca- e dende 1994 está funcionando cunha oficina de atención ó público na casa de Cultura de Xinzo. Ademais conta cos taboleiros informativos continuamente actualizados e edita quincenalmente un voceiro informativo "¿Como diss... O teu voceiro do CIX?" que se distribúe -entre outros- nos centros de ensino e entre as asociacións da comarca que o demandan. Tamén se colga na páxina web do CIX: www.inicia.es/de/cixdalimia
"A túa outra casa" ( Vivenda comunitaria tutelada) é unha aposta por un modelo de convivencia que se acerque, na medida do posible, ós modos de vida normalizados dos nosos maiores e que supoña unha alternativa de continuidade á vivenda habitual.
Complementando os servizos do Centro de día en Lodoselo: servizo de comedor, de lavandería e pasado de ferro, de axuda e doutras actividades formativas e de tempo libre o CDR " O Viso" está á espera da licenza municipal de apertura -solicitada a comezos do mes de xuño do 2001- para poñer en marcha este novo programa dirixido a persoas válidas, maiores de 60 anos, co ánimo de que as circunstancias non obriguen á xente da nosa contorna ó abandono do seu lugar de referencia na súa existencia.
A vivenda dispón de teléfono, calefacción, comedor e sala de estar, cociña, habitacións dobres e individuais... todo na planta baixa e sen barreiras arquitectónicas. A capacidade é de 12 prazas e o tipo de tutela variará, sendo determinante o grao de dependencia dos membros do grupo.
4 de novembro do 2001
5. XI Asemblea Xeral Ordinaria de COCEDER. (Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural).
Os días 25 e 26 de xuño celebrouse en Lodoselo (Sarreaus) -nos locais do C.D.R. O Viso- a XI Asemblea Xeral Ordinaria de COCEDER. (Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural).
COCEDER é unha Organización Non Gobernamental (ONG) formada por un conxunto de Centros de Desenvolvemento Rural (CDR), con recoñecemento legal y sen fins de lucro, que gozan de plena independencia na súa actuación e están ubicados no medio rural cun proxecto definido de desenvolvemento integral. Con sede en Valladolid están na actualidade confederados centros das seguintes Comunidades Autónomas: Aragón, A Rioxa, Asturias, Cantabria, Castela e León e Valencia e Galicia
Estos CDR(s) queren:
-Ser Centros de iniciativas tendentes a impulsar e canalizar accións conxuntas coa Administración e outras entidades, para a promoción social, educativa e económica do medio rural.
-Traballar con colectivos especialmente desfavorecidos para propiciar un desenvolvemento persoal e unha mellor calidade de vida.
-Impulsar a participación e o desenvolvemento de todos os membros da comunidade: infancia, mozos/as, homes e mulleres, maiores, persoas con minusvalías e outros colectivos en situación de marxinación social.
-Promover recursos e equipamentos sociais que posibiliten a atención dos distintos colectivos sociais dos nosos pobos.
Entre os puntos que figuraban na orde do día desta asemblea está: plan de traballo da Xunta Directiva , contas anuais e presuposto, coñecer in situ a tarefa do CDR O Viso, petición de subvencións, diversas informacións (iniciativa comunitaria EQUAL, Consello estatal de ONGs de Acción Social, Plataforma estatal de ONGs de Acción Social, Plan Nacional de Acción para a Inclusión Social), etc.
En Novembro do ano 1995 xa tivera lugar neste mesmo escenario outra xuntanza deste tipo para contribuír á formación permanente dos profesionais dos distintos CDRs, para coordinarse unificando criterios de actuación e respectando as singularidades de cada un deles e para coñecer os recursos europeos ós que os CDRs podían acceder.
Nestes centros traballamos:
- Dende o coñecemento da situación da zona.
- Detectando as potencialidades e os problemas, que determinan las liñas de acción a seguir
- Incidindo en distintos campos: Educación, Servizos Sociais, Formación Profesional, Formación Ocupacional, Medio Ambiente, Promoción Socioeconómica, etc...según as necesidades dos diferentes sectores da poboación.
- Promovendo a participación activa da poboación local mediante a cooperación e o voluntariado social.
- Colaborando cos Concellos dos nosos pobos e con todas aquelas institucións ou entidades, públicas e/ou privadas, que traballan no medio rural.(23.6.01)
4. Campo de traballo en Lodoselo
Está aberto o prazo de inscrición para participar no campo de traballo que organizado polo C.D.R."O Viso" vai ter lugar entre o 31 de xullo e o 11 de agosto deste verán do 2001. Actividade pensada para aquela xente, entre 18 e 30 anos, interesada en coñecer esta experiencia de traballo no medio rural galego e colaborar con este proxecto. O aloxamento será no albergue do pobo escola de Lodoselo (Sarreaus- Ourense-España) e o traballo será de limpeza, acondicionamento e mellora de locais e do entorno (lavadoiro, forno comunitario, fiadeiro, centro social, vivenda comunitaria...); tamén traballos na aula da natureza e outros obradoiros do pobo escola.A cota é de 10.000 pts. Para máis información e/ou inscrición podes poñerte en contacto co Centro de Información Xuvenil da Limia na casa de Cultura de Xinzo ou co C.D.R " O Viso" en Lodoselo. (13 de maio do 2001)
CAMPO DE TRABALLO EN LODOSELO
(Integrado no proxecto de desenvolvemento rural e comunitario do CDR O Viso)
Entidade: Centro de Desenvolvemento Rural O Viso e Servizo Civil Internacional
Lugar: Lodoselo (Sarreaus) OURENSE
Datas: do 31 de xullo ó 11 de Agosto do 2.002
Prezo: 60 /persoa
Grupo:Máximo de 30 e un mínimo de 15 persoas
Campo de traballo para mozos/as maiores de 20 anos, con ganas de participar e convivir durante 11 días con outros mozos/as sentíndose ben e disfrutando do entorno, do traballo, da festa, das boas relacións, das actividades do pobo escola.
Aloxamento: no Albergue do Pobo Escola de Lodoselo (Sarreaus)- Capacidade para 40 persoas, habitacións colectivas con liteiras de dúas prazas. Comedor sala multiusos- (biblioteca, sala de xogos), cociña, baños, etc.
Módulo 1: Restauración (cantería
Acondicionamento e mellora dos muros de pedra do destro onde está situada a vivenda comunitaria, acondicionamento dos locais: fiadeiro, forxa...
Módulo 2:Recuperación e conservación do entorno.
Traballos na aula da natureza, recuperación dos arredores do forno, lavadoiro, sinalización e limpeza de roteiros...
Módulo 3: Acción Comunitaria e coñecemento da cultura rural:
Participación directa nas actividades do CDR O Viso: comedor social, vivenda comunitaria, obradoiros do pobo escola (fornada, fiadeiro, tapices, cestería, coiro...)
Web de Antonio Belmonte coas fotos que foi enviando a xente que participamos no campo: http://www.nodo50.org/siv/experiencias/lodoselo/index.htm
3. Un Convenio permitiulle ó CDR O Viso a apertura diaria do Comedor Social
O Comedor Social do Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso" en Lodoselo (Sarreaus) leva funcionando dende comezos do ano 1999; a maior parte deste tempo só abría os fins de semana e días festivos. Actualmente -dende o mes de outubro- abre tódolos días grazas Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e a Deputación Provincial de Ourense para a implantación e financiamento dunha rede integral de solidariedade dirixida á protección das persoas maiores, familias e colectivos de persoas en dificultade de acceso ós sistemas públicos de protección social.
Este convenio asinado en Santiago o 5 de outubro repercutiu nas entidades de iniciativa social que xestionan algún centro asistencial para persoas desfavorecidas. Entre outros está o Comedor social en Lodoselo.
O CDR O Viso acolleu esta noticia con ledicia e sorpresa e inmediatamente puido aumentar o servizo a tódolos días porque os recursos concedidos. Agora esperan que isto teña continuidade e complementándoo con outras axudas manter e mellorar este servizo.
Este servizo está sendo aproveitado por persoas de Piñeira Seca, Perrelos, Sarreaus, Nocelo da Pena e Lodoselo. Hai xente que vai tódolos días e otros que só van os fins de semana e festivos.Tamén hai quen vai para apoiar este servizo aínda que hoxe non o precise pero como unha maneira de potenciar algo que se considera necesario para que os nosos maiores poidan vivir no seu medio e non ter que marchar. Persoal do CDR recólleos na súa casa (algúns van eles pola súa conta) e transpórtaos ó Centro onde comen na compaña doutra xente e posteriormente lévannos ó seu punto de orixe. Ademais da xente que traballa nos distintos programas do CDR (Centro de Información Xuvenil da Limia, Albergue do Pobo escola, Lavandería e Centro Social, Educación de persoas adultas, Animación Comunitaria,...) con contrato laboral, hai persoal voluntario que tamén posibilita todo isto.
Así, coa teima e o convencemento de que "o que é necesario ten que ser posible", de que "o que redunde en ben dos seres humanos é irrenunciable", vaise animando este proxecto que moi pronto esperamos complementar coa posta en marcha da vivenda comunitaria tutelada -en fase de construción- e que estará rematada, seguramente, para o mes de abril.
En Outubro do ano 2000 editamos este caderniño que pretende ser un testimonio máis da nosa andadura e identidade: "cremos no medio rural, na posibilidade de dar futuro ó seu pasado..." "trátase de educar no respecto mediante o coñecemento e. sobre todo, o sentimento..."
Aquí presentamos:
1.Algunhas notas de prensa recollidas ó longo destes anos.
2.O que fomos contar en algunhas xornadas e encontros: Na Coruña, Ourense, Santarem, Xinzo de Limia...
3.Exemplificacións dalgúns materiais que elaboramos e empregamos: experiencia sobre a casa e xogos de pistas polo pobo e na aula da natureza.
Aproveitar para agradecer a colaboración de todas as persoas que fixeron e fan posible esta andaina.
Se queres recibir algún exemplar desta publicación ponte en contacto con nós.
1. CONCLUSIÓNS DAS IV XORNADAS SOBRE O MEDIO
As IV Xornadas sobre o Medio organizadas polo C.D.R. " O Viso"-coa colaboración do Departamento de Medio Ambiente de CCOO e a Universidade de Vigo-, celebradas en Lodoselo o 11 e 12 de novembro e subvencionadas polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación e o Fondo Social Europeo, con participantes de 24 Concellos das 4 provincias galegas fixéronse eco da educación ambiental como unha necesidade para que o desenvolvemento integral e a xustiza social; salientar, a modo de conclusións, algúns puntos como:
1. O liberalismo económico actual impón normas ecolóxicas e proteccionistas menos esixentes nos países non desenvolvidos para beneficio das grandes empresas multinacionais.
2. O mundo occidental compórtase cos recursos dos pobos das selvas amazónicas como "hordas salvaxes" que espolian farmacias e supermercados; na amazonía está o 80% das medicinas existentes e posibles.
3. A espiral na que están os países do terceiro mundo necesita axuda externa para rompela: a pobreza crea débeda; o pago desta enxendra máis pobreza, esta máis débeda...
4. ¿Que podemos facer os cidadáns para conservalo medio? Temos o poder para votar os/as dirixentes e temos o poder como consumidores/as. Sexamos críticos: elixamos ós/ás mellores.
5. ¿Que podemos facer dende a nosa casa?
- Na auga, lembrar que se en todo o mundo só houbera 1.000 litros de auga doce, só 5 poderíamos beber; cada vez que abramos a billa ter isto en conta.
- Na electricidade, na calefacción... a eficacia enerxética é obter o mesmo recurso co menor consumo; a economía vai unida á ecoloxía. Faino polo teu peto.
- Na compra, rexeitalos produtos que veñen cun exceso de embalaxe; evitalos envases de produtos nocivos ( as bandexas de poliestireno espandido, os plásticos adherentes, etc.)
6. Como traballadores do campo:
- Ter en conta que o uso de praguicidas e sulfatos é unha "ironía": antes da súa invención perdíase o 33% das colleitas; actualmente as pragas destrúen a mesma cantidade: O labrego non mellorou, as grandes empresas destes produtos melloran as súas contas de resultados.
- Se os empregas (praguicidas) extrema o seu manexo. Todos son velenos. Usa doses axeitadas, non os mestures e non deixes tirados os envases "baleiros".
- En fertilizantes químicos ou orgánicos, non esquezas que pasarse das doses, aparte de perder cartos, pode reducilas colleitas.
7. Os representantes municipais da Comarca da Limia coa súa "masiva afluencia" demostran o interese en coñecer a aplicación e desenvolvemento das axendas 21 locais e os procesos de participación cidadáns.
8. É necesario fomentar unha nova percepción nas persoas para que, partindo da súa realidade, adquiramos coñecementos, procedementos e valores e así dar unha resposta responsable a nosa relación co medio, dende o nivel máis próximo ata a globalidade.
9. É importante na metodoloxía da educación ambiental facer unha secuenciación estratéxica para obter o resultado apetecido; é desexable a aprendizaxe multisensorial.
10. Os bos
hábitos na relación co medio deben formar parte da
"sabiduría" persoal e comunitaria. Estamos a falar non
só de ter coñecementos senón de interiorizar saberes que nos
comprometen.
En Lodoselo a 12 de novembro do 2000.