| |
Li
Po
¡Oh,
lúa, lúa, avesa patroa da Fortuna!
Xogáchesme unha mala pasada.
Eu queríate abrazar no lago
e apertar o teu corazón de doce queixo
entre as miñas mangas bordadas.
Mais os meus sentidos estaban posuídos pola torpeza do viño,
e caín da barca á auga,
para perder a vida coma unha Ofelia infortunada.
O xunco
asubía,
mais o meu silencio é máis sonoro.
Oh, lúa, lúa;
eu, Li Po, ebrio poeta de T'ang,
afoguei no teu reflexo.
Miguel-Anxo
Murado, de Lapidario. Xerais, 2004.
Para obter máis información sobre
o autor preme aquí.
Fonte: a mencionada edición.
|
|