principal
  un poema semanal
  10 versos (ou menos)
  poesía lunática
  as lúas da lúa gris
  ligazóns
  contacto
  eduardo estévez
     
 

o luns cando
cheguei de tenerife
miña nai agardaba na porta para darme un bico

eu saquei da maleta
mojo almogrote gofio
os recordos

e contáballe atropelado o que eran
e miña nai
sorría

miña nai sabe
que nunca lle conto as cousas importantes

pero debíame ver feliz
e sorría


despois da cea
veume dar as boas noites
coa batiña encarnada

e díxome

xa viches máis mundo ca min

e
deume un bico

eran as dez e media
e os ollos
suspiráronlle a miña nai
e foise deitar

Arsenio Iglesias Pazos, inédito.
Para obter máis información sobre o autor preme aquí.

 
     
  [poemas publicados] | [información e subscrición]