|
Así
te ibas erguendo
labrada de ti mesma
conformada no manto das liñaxes antigas
que teceras no outono
Eras
unha veste memorable
e lexítima para medir silente as rúas de Santiago
e eran os tempos moi menesterosos
Era a existencia unha antinomia
entre o misterio e a lucencia
Era coma o murmurio dalgún río perdido
Era a noite cabal pero vidente
Era a aurora que cega
Coidabas que era a chuvia
e era un pranto moi débil fío a fío
que descía coma unha flor coma un soño calado
Sempre
dicindo adeus e volvendo a cabeza
Procurabas a liña azul do mar
no horizonte a deshora
Ou talvez escoitabas esa música insomne
que chegaba coa luz
nunha clave secreta coma a vida
nas orelas do Sar
Luz Pozo Garza, Vida secreta de Rosalía.
Espiral Maior, 1996.
Para
obter máis información sobre a autora preme aquí.
Fonte: Arturo Casas, Antoloxía consultada da poesía
galega 1976-2000. Tris-Tram, 2003.
|