principal
  un poema semanal
  10 versos (ou menos)
  poesía lunática
  as lúas da lúa gris
  ligazóns
  contacto
  eduardo estévez
     
 

Acabarei por facer do poema a biografia,
atar os dias a xeito de tercetos encadeados
e espetar-lle ao mundo que si, que é posíbel
viver como vive a poesia, voar de aquí a alá
nalgo tan sutil e ao mesmo tempo tan exacto.
Mais que voar, aterro
aterro nesta terra que me aterra
con todo o meu amor nun puño e nun instante
atiforrado de palabras, palabras de min mesma,
na man esquerda, que tantas veces ondeou até cravar-se
con docísima ternura no ollo temeroso e cego
do cíclope tempo mórbido, alcool e demais (era a época)
misturando-se entre o vómito e a esperanza.
Época que persevera en min e na consciéncia,
na amizade, iso, na amizade, ese animal violento
engaiolando para sempre os corazóns-comisaria,
os corazóns da terra, o dia, a noite,
a lembranza, unha história transmitida.
Agora hai outra man, e haberá outra na outra,
un brazo en outro até outra aurora,
a compartir no mesmo cónclave o pan e o viño
e todos, sobre todo, a mesma mente como un rio.

Luísa Villalta, de Ruído, Espiral Maior, 1995.
Para obter máis información sobre a autora preme aquí.
Fonte: Luciano Rodríguez, 25 anos de poesía galega 1975-2000.
La Voz de Galicia, Biblioteca 120, 2002.

 
     
  [poemas publicados] | [información e subscrición]