textos
soltos publicados en revistas ou libros colectivos
non incluídos en libros individuais |
|
|
parís-bruxelas
o tren
detense no medio da noite
pola xanela vese o vento
neva e dalgún lugar do vagón
vén un vago cheiro a haxix
alguén tose en inglés
dous marroquinos pasan en silencio
e un home de abrigo gris pregunta
canto falta neste tren para o aninovo
| |
revista
Dorna, nº 22
Universidade de Santiago de Compostela (Galiza), outono 1996 |

instruccións
para facer un poema sobre parís
nun poema sobre parís cómpre falar
de putas en pigalle ou dunha exposición
de chagall no museo d'orsay
cómpre falar do café de flore e da ópera
da praza dos pintores en montmartre
e senón mellor calar
porque parís só existe
nas fotos preto e branco
mil novecentos vinte
e que ninguén me fale de neón
hamburguesas ou cervexa americana
| |
revista
Dorna, nº 22
Universidade de Santiago de Compostela (Galiza), outono 1996 |

e se perdo a voz
as pausas as ideas
se perdo a lingua
se esvaran
das miñas mans os pecados
cal a intención
do dito
das follas gastadas
se non teño pasos
se perdo o corazón
se non bate
cal o resto
dos silencios das culpas
se extravío o destino
se xa non vale a álxebra
cal
o sentido
do verso
(sempre)
da dor
da memoria

a única escenografía
que se require é un sofá
a guerra televisada é
deus contra deus
din que recollen
cadáveres
entre os cascallos
que diferencia hai
entre un morto e dez mil?
os mortos
non teñen cara na tele
e se son
americanos
subirán aínda máis
as accións
da industria armamentista?
baixarán
iso si
as das liñas aéreas
lembrádeme que fale disto
co meu axente
de viaxes
para as próximas vacacións
que faga as reservas
en autobús
e co de bolsa tamén
e venda e compre
venda
e compre
agora teño que ir
a por galletas
que se acabou o paquete
foi xusto cando a torre
norte
ruía para sempre
na tele
teño que estar preparado
por se mañá alguén
ataca o meu sofá
por decisión ou por erro
a miña morte
non vos preocupedes
pasará por danos colaterais
e a victoria será de deus
tanto
teñen as cores
da súa bandeira

olla para o mar
o desacougo das ondas
lamber dos brazos
o sal das redes
e deixar arrecunchar
a tristura no horizonte
espallarse
máis aló
do ceo do naufraxio
| |
revista
Dorna, nº 29
Universidade de Santiago de Compostela (Galiza), 2003 |
cal é
a forza
que che suxeita o corpo
a vontade
cal
o pavor
co que ollas o mar
cando os teus fillos non chegan
maria
e vaiche sendo noite
pecha no corazón
| |
revista
Dorna, nº 29
Universidade de Santiago de Compostela (Galiza), 2003 |
onde
vai maría
o teu home
vai no mar
limparnos as penas
onde vai o teu fillo
maría
nos rochedos onda a punta do alén
a espreitar a morte
cada nove ondas
a morte do mar
a de noso
| |
Negra
sombra. Intervención poética contra a marea negra
Xerais-Espiral Maior, Vigo (Galiza) 2003 |
aperta
fillo
os dentes
empurra os remos con forza
coma se os cravases no peito
do mar
e olla como as ondas
macias flúen debaixo
como nos afundimos
nos pulmóns da noite
| |
Negra
sombra. Intervención poética contra a marea negra
Xerais-Espiral Maior, Vigo (Galiza) 2003 |

por
quen esperas
maría
xa non hai ninguén
a che limpar as ás
e se o teu home vén
se o teu fillo
cando é noite pecha
coa noite
pecha no corazón
non has chorar
acende o lume
para arredar o frío
do corpo
o negro da alma
| |
Negra
sombra. Intervención poética contra a marea negra
Xerais-Espiral Maior, Vigo (Galiza) 2003 |

e pola
noite
o bruar nas fendas
as contras a bateren
que volve zoar surleste
e mañá outra volta
habemos lanzar as redes
para coller os restos
do mar
os nosos despoxos
| |
AA.VV.
Alma de beiramar
Asociación de Escritores en Lingua Galega-A Nosa Terra.
Vigo (Galiza), 2003 |

porque
coa túa
boca de peixe
só podes facer silencio
cando a casa fica
baldeira de madrugada
e vai ser longa
a morte maría
a espera
co murmurio só
das ondas cando chegan
agostadas á praia
| |
AA.VV.
Sempre mar. Cultura contra a burla negra.
Burla Negra, Santiago de Compostela (Galiza) , 2003 |

merquei unha parella
de canarios
para facer menos desolada
a orde da casa
morreron aos tres días
de virus ou tristura
non tiñan aínda
nome
| |
AA.VV.
37 poemas. por man propia
(edición ao coidado de Antonio Piñeiro)
Edición artesana limitada. Colección Bourel. Ribeira
(no prelo) |

senta sempre
na mesa do lado
poderías convidala a un café
ou escribir
un poema cos seus ollos
soñarás co café
mais a túa alma prefire
o desacougo breve do poema
a pequena morte de vela marchar e
na
túa mesa
unha solitaria taza de café
| |
AA.VV.
Escolhemos Abril. 25 poetas da Galiza
(edición ao coidado de Paula Cruz, Roberto Samartim,
Raquel Bello e María do Cebreiro)
O correio dos navios, Porto (en preparación) |

liña
41
sentou
ao seu carón
víraa
cando subiu no autobús e decidiuno porque
o asento ao seu carón estaba libre
e ela era nova e parecía
bonita detrás do cabelo que agochaba
parte do seu rostro
pero
non considerou que o sitio
era o menos indicado para poder mirala
requería
xirar a cabeza
nun xesto impúdico
ademais
ela mantiña a cabeza levemente inclinada
sobre un libro que lía e o pelo
caíalle polo lado da cara xusto do lado
del
así
que durante os vinte
ou trinta minutos da viaxe
debeu conformarse con mirar
os seus dedos as unllas bastante curtas
con esmalte transparente
sostiña
un lápiz co que ía facendo
algunhas anotacións nas marxes das páxinas
tiña
unha letra áxil e miúda
a súa miopía impedíalle distinguir o texto
durante
vinte
ou trinta minutos miroulle as mans
os dedos finos
e iso púxoo
nalgún sentido moderadamente feliz
nalgún
sentido
triste
entón
ela
levantou a vista
deixando ao descuberto o rostro e el
xirou o seu para mirala
despreocupado da interpretación
que ela puidese facer do xesto
tiña
os ollos grandes e un lunar
xusto debaixo do ollo esquerdo
pero
o autobús
aproximábase xa ao seu destino
o del e levantouse
dirixiu
os seus pasos cara á porta
e premeu o timbre para indicar
ao condutor a súa intención de baixar
| |
revista
Casa da Gramática nº 25
IES "Virxe do mar", Noia (Galiza) , no prelo |
|