páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
 
derrotas
a coruña (galiza), espiral maior, 2003
vi premio de poesía concello de carral
 
(le aquí o texto de estevo creus
na presentación do libro en santiago de compostela)
 

(selección)

un soño


vela a diario

ela agocha baixo as roupas
(pensas)
unha figura fermosa

non da fermosura
perfecta dunha deusa
senón a perfecta fermosura que cabe
nas mans
talvez a máis perfecta
que nunca nas túas mans
imaxinaches

mais leva no rostro
toda a distancia nos ollos
toda a distancia

unha noite sóñala
co preciso erotismo dos pequenos xestos

ao día seguinte
adiviñas baixo a túnica
a fermosura exacta dun paxaro
entre as mans
e no seu rostro
en toda a distancia dos seus ollos
unha pequena
marca
daquel soño daquela fantasía

foi froito do desexo

ou ela realmente
entrara nas túas mans pola noite
e ao día seguinte
decidiu esquecelo

fragmento da historia


eis un rostro
unha historia xa contada

eis unha habitación escura o inverno
e cheiro a tabaco

e un médico
que entra pola porta
acode urxente á chamada
da muller que dará a luz

a muller sentada
na cama
o rostro apenas deixa adiviñar
preocupación ou cansazo

apoia ao seu carón
o libro que lía e conserva
cun medio sorriso o cigarro na boca

deixará de fumar só
cando a posición incómoda o esforzo a dor

acabado o parto o médico
haberá limpar o cativo

tiña ao saír
o cordón enroscado no pescozo e
estaba azul mais logo
había recuperar a palidez de seu

finalmente marcha o médico e a nai
observa
só de esguello o recén nado

non o conta a historia
coido
mais volve fumar como tentando
borrar do aire o cheiro intruso
de esparadrapos
e líquidos desinfectantes

como tentando borrar
todo vestixio daquela escena

borrar
a dor
da memoria

cando o pequeno queda durmido
colle outra vez o libro
e le por entre as febras
de fume que soben dende os beizos
o resto do cuarto está en penumbras

anos despois regresarán á rusia patria

ela para morrer
cunha soga ao pescozo
no silencio dunha súa
outra habitación en penumbras

(estaba azul mais logo
había recuperar a palidez de seu)

el pouco despois
con vinte anos
entre o cheiro a pólvora a podre
dalgunha ignota fronte de batalla

foi o médico
segundo a historia
o que deixou constancia
do nacemento do fillo
de marina tsvetaieva

para aqueles lectores que gustan
de saber máis aló do que hai
nas palabras dos poetas

as palabras do oráculo


se ves no oráculo
afundirse a túa senda
por territorios neboentos
non temas
non deixes vencer
a túa alma pola pálida incerteza

non ten o oráculo
a clarividencia dos deuses
mais a palabra
orgullosa
dos seus sacerdotes

e eles son humanos
coma a túa dor
e o seu camiño tamén presaxia
tempos de exilio

ademais as palabras
(es poeta e sábelo)
non son máis ca miraxes
construccións aproximadas
sombras difusas
literatura

de construcción


para manter a memoria
daquel que morre
poñer en palabras a súa imaxe
o seu corpo
a soidade

cal o medo da perda?

palabras para fixar os recordos no espazo

mais a memoria precisa
paisaxes nas que deterse
vento

leo nun xornal
a morte dunha muller que amei

relata os seus últimos anos
e morreu consumida por unha enfermidade

foramos amantes clandestinos
hai no xornal unha fotografía
desenfocada

releo o artigo
fala dunha muller á que nunca vin

(inventar con palabras
a memoria dunha muller)

a memoria é un instante
de acougo

(reconstruír
con palabras
a espera)

a memoria é un deserto
unha paisaxe arrasada

a muller do xornal sorrí na foto

a memoria é
unha postal das rúas da infancia
tras o bombardeo

unha paisaxe
enceguecedora

a patria


non poderás abandonar
dicía o poeta
a cidade aínda que marches
e percorras todos os camiños

a patria vai contigo
e mesmo que os camiños traian
novas paisaxes ceos diversos
e a terra
que te viu nacer non permaneza
percorrerás sempre
aqueles territorios
e falarás a lingua
dos teus xestos
e no ollar
cando chove
medrará aquela mesma herba

haiku (II)


nos muros resoa
o eco xordo
de que me amabas

arte poética (IV)


cal a necesidade
de falar dun mesmo
no poema?

recendemos mellor
cá terra despois da chuvia?

levamos no rostro as cores do outono?

somos acaso máis fermosos
que cada amante novo de cavafis?

el sol del membrillo I (paisaxe)


non chegará o inverno
antes do final do poema

non caerán as follas
nin madurarán os marmelos

 
   
  [regresar á páxina principal] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]