páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
     
    poemario en construción
     
poema   pudor
versión   2
ligazóns asociadas na bitácora  
                                 
outras versións   1
 

pudor

ela erguéndose da cama
núa
a habitación está escura pero
acende a luz

as roupas dos dous
espalladas polo chan
desvélanse desoladoras

vai ata a porta
o seu corpo é terso
os seus peitos
non moi grandes ríxidos
e acaso só
nas nádegas se vexa unha certa
flacidez pero en realidade
non son máis que indicios
case imperceptíbeis do tempo pasado
do tempo que está por pasar

el tampouco está exento

o espello de baño recórdallo
cada mañá ao saír
da ducha

ela erguéndose
da cama e saíndo da habitación

o seu corpo espido pono
a el
extrañamente incómodo

por momentos preferiría
un xesto de pudor

vai ao servicio
escóitase como levanta
a tapa do váter

el non a ve pero sabe
que non pechou a porta

a luz do baño
espállase a través do corredor

e cada ruído
de cada un dos seus
xestos cotiáns
deixará no corpo
del
unha vaga sensación
de abandono

regresa á habitación
conecta novamente o teléfono móbil

volve deitar
acende un cigarro

éntralle unha mensaxe

e mentres ela se concentra
en contestar el érguese
vístese devagar e sen
unha soa palabra
marcha

fóra é noite clara
e vai frío


 
     
   [regresar ao índice do libro] | [deixar un comentario]  
  [regresar á páxina principal do sitio] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]  
     
 
licenza creative commons

esta obra está publicada baixo unha licenza de creative commons.