páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
     
    poemario en construción
     
poema   nunha cafetaría
versión   2
ligazóns asociadas na bitácora  
                                 
outras versións   1
 

m colle a cunca
con parsimonia

bebe outro grolo do te
e volve pousala case
sen facer ruído

s retoma o fío da conversa
brevemente interrupida para levar
á boca un anaco de biscoito

comentan a crecente
dificultade
de conseguir olivas recheas de pemento
nin mesmo nas tendas de importación

o resto da antiga pastelaría
está deserto

s corta
con delicadeza outro pequeno
anaco de biscoito

está lixeiramente
seco pero que se pode pedir
nestes tempos

cada xesto de m
de s
é sutilmente aristocrático

mesmo sendo tan
diferentes

a cunca de té de m está baldeira

en situación normal
o vello camareiro
o de toda a vida
(nunca lle souberan o nome)
(nunca se decataran
diso)
achegaríase
para volver encher a cunca

pero el
marchou con toda a xente aos refuxios

así que m colle a teteira e
por si mesmo
volve encher a súa cunca

nese momento síntese un estoupido
próximo

as dúas pequenas
culleres de prata
vibran pousadas sobre cadanseu
prato de porcelana
provocando un lixeiro tintineo

en s
e menos en m
nótase apenas un breve
sobresalto
e dirixe m
que está de fronte á porta
unha ollada cara a fóra

non trasloce
nela
máis ca un leve fastío

pousa a teteira

desanímaos comprobar
a dificultade
de manter aínda que máis non sexa
unha conversa trivial
que os faga sentir a salvo

 

 
     
    [regresar ao índice do libro] | [deixar un comentario]  
  [regresar á páxina principal] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]  
     
 
licenza creative commons

esta obra está publicada baixo unha licenza de creative commons.