páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
     
    poemario en construción
     
poema   nunha cafetaría
versión   1
ligazóns asociadas na bitácora  
                                 
outras versións   2
 

nunha cafetaría

m colle
a cunca con parsimonia

bebe outro grolo do te
e volve pousala case
sen facer ruído

s retoma o fío da conversa
brevemente interrupida para levar
á boca un anaco de biscoito

laméntanse de que nos últimos tempos
se tornase tan complicado conseguir
olivas recheas de pemento
nin mesmo nas tendas de importación

o resto da antiga pastelaría
está deserto

s corta
con delicadeza outro pequeno
anaco de biscoito

está lixeiramente
seco pero que se pode pedir
nestes tempos

cada xesto de m
de s
é sutilmente aristocrático

mesmo sendo tan
diferentes

a cunca de té de m está baldeira

en situación normal
o vello camareiro
o de toda a vida
(nunca lle souberon o nome)
(nunca se decataran
diso)

o vello camareiro
dicía
achegaríase
para volver encher a cunca pero el
coma o resto do persoal
marcharon con toda a xente aos refuxios

así que m colle
a teteira e por si mesmo
volve encher a súa cunca

nese momento
síntese un estoupido
próximo

a coller de prata
vibra pousada sobre
o prato de porcelana provocando
un lixeiro tintineo

en s
e moito menos en m
nótase apenas un breve
sobresalto e dirixe
m que está de fronte á porta
unha ollada cara fóra

non trasloce
nela
máis ca un leve fastío

pousa a teteira

realmente desanímao
comprobar a dificultade
de manter aínda que máis
non sexa
unha conversa trivial
que os faga sentir a salvo

 
     
    [regresar ao índice do libro] | [deixar un comentario]  
  [regresar á páxina principal] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]  
     
 
licenza creative commons

esta obra está publicada baixo unha licenza de creative commons.