páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
     
    poemario en construción
     
poema   memoria
versión   1
ligazóns asociadas na bitácora  
                                   
outras versións    
 

memoria

ao principio foron
xestos pequenos

mesmo imperceptíbeis

pero aos poucos
os espazos baleiros
coma espellos de auga
calma
na súa memoria
foron medrando

fragmentos
a cada maiores
da súa historia
borrábanse

desaparecían sen deixar
pegada

ao principio el
ríase cos pequenos
olvidos dela

pero aos poucos
foi comprendendo
que os espazos
baleiros espellos
medraban e era
irremediábel

e aos poucos deveu
el na memoria
dela

a vida obríganos
a atender
múltiples detalles
cotiáns

o sitio onde
gardamos
a cafeteira

onde pousamos
por última vez
as gafas

e tocoulle a
el
ocuparse deses
detalles para os dous

e tamén conservar
constancia da súa
historia común

era consciente
da doenza

pero moitas veces
a dor
do sufrimento dela
misturábase coa
dor
de verse
aos poucos
desaparecer
naqueles espazos
brancos

un día
(igual có anterior
e o anterior máis)
ergueu pola mañá
moi cedo
foi ata a cociña encheu
un vaso de auga
regresou á habitación
achegóuselle con
dozura espertouna
mentres collía
do caixón da mesa de noite
o medicamento
correspondente
a esa hora

ela mirouno
con ollos de espazo
baleiro espello

puxo a pílula
que lle daba
na boca bebeu
un grolo de auga
tragou con algún esforzo
limpou co dorso
da man os restos
de auga nos beizos
mirou para el
preguntoulle

"quen é vostede"

el reprimiu
unha bágoa

e regresou á cociña
co vaso baldeiro

 
     
   [regresar ao índice do libro] | [deixar un comentario]  
  [regresar á páxina principal do sitio] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]  
     
 
licenza creative commons

esta obra está publicada baixo unha licenza de creative commons.