páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
     
    poemario en construción
     
poema   lectura
versión   2
ligazóns asociadas na bitácora  
                                 
outras versións   1
 

g lía nunha novela

o protagonista chámase w

é o narrador da historia e
está namorado de n

n marchara a un sitio
non especificado

(o autor escolleu que w
fose o narrador
porque isto lle permite manexar
con maior realismo os datos que amosa
e os que distrae)

w escríbelle a n con frecuencia
longas narracións da súa vida cotiá

n só ocasionalmente
unhas liñas breves
e pouco precisas

un día w chega á súa casa
e atopa unha carta de n

polo tacto do sobre
a carta é desusadamente
extensa

non a abre inmediatamente

vai ao seu cuarto
abre as fiestras
senta na cama e
con meditada lentitude
racha o sobre desprega
as follas que contén
e comeza a ler

o texto da carta na novela
está transcrito íntegro

cando w remata
na novela a lectura da carta
o narrador di
"lin a carta dende o inicio unha segunda vez"

sorpresivamente g
volve atrás varias páxinas
do libro
e disponse a ler el tamén
novamente
a carta

antes diríxese á fiestra e ábrea

g le
con atención

tenta
inconscientemente
reproducir no seu maxín
os pensamentos que podería ter w
ao ler por segunda vez
a carta

remata a segunda lectura
chega novamente a
"lin a carta dende o inicio unha segunda vez"
e continúa

"despois baixei, merquei un refresco de cola na máquina expendedora, volvín ao meu cuarto e, mentres o bebía, volvín lela"

g non tiña necesidade de baixar
para facerse cunha coca-cola

foi ata a neveira
colleu un bote abriuno volveu
sentar na cama e leu a carta
unha terceira vez

cando rematou
"lin a carta dende o inicio" etcétera
e chegou a "despois baixei" detívose

pechou o libro

unha sensación
desacougada foi ocupándolle
devagar o corpo todo

n acababa de declarar
na carta
o seu amor por w

pero algo no ton do relato
permitía deducir que xa nunca
w e n
se encontrarían no tempo
e no espazo

posto diante desta
certeza
g ollou ao seu redor

a súa habitación
a cama
nunca antes estiveran tan
baldeiras

 
     
   [regresar ao índice do libro] | [deixar un comentario]  
  [regresar á páxina principal do sitio] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]  
     
 
licenza creative commons

esta obra está publicada baixo unha licenza de creative commons.