páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
     
    poemario en construción
     
poema   horizontes
versión   1
ligazóns asociadas na bitácora  
                                   
outras versións    
 

ela quería
que o horizonte non
acabase nunca

igual que nunha película

por iso convenceu o seu home
(daquela eran mozos)
de marchar a américa

ela tiña un diñeiro gardado
e con el mercaron
un pequeno terreo a carón
dunha estrada infinita

para abrir un bar

un sitio azul pálido
e ela detrás da barra
miraba a través das
cristaleiras
como pasaba o vento

el non

poucas semanas despois
de chegaren
ese vento levouno de regreso
á terra na que nacera

"eu non podo
síntoo
non podo se o horizonte
é inverosímil"

ela porén ficou

nunca chegou a ter
moitos clientes

pero coñecíaos polo nome
e sabíalles as historias
o modo de contalas

e pasaron os anos

un día escoitou
na radio unha canción
que a levou de regreso
á infancia

era un vello
blues pero lembroulle
a imaxe de súa nai
e a casa na aldea

detrás desa imaxe viñeron
outras

por primeira vez
dende a partida era consciente
de que non volvera pensar
en todo iso con
cariño

apagou a radio

un camión detíñase
diante do bar

 
     
   [regresar ao índice do libro] | [deixar un comentario]  
  [regresar á páxina principal do sitio] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]  
     
 
licenza creative commons

esta obra está publicada baixo unha licenza de creative commons.