páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
     
    poemario en construción
     
poema   esperar
versión   1
ligazóns asociadas na bitácora  
                                     
outras versións  
 

esperar

el esperaba

ao entrar no bar atopou libre
a mesa xusto canda a fiestra
na fronte da saída do metro

dende alí podería
pensou mentres quitaba a chaqueta
ver mellor cando ela saíse ao frío

facíao a diario
e aproximadamente á mesma
hora
ela aparecía no medio
da xente
pequena apreixábel
e no medio da xente
desaparecía

así que sentou a carón da fiestra
faltaban só uns minutos
e pediu un café

non despegou a vista
da saída do metro
nin cando abríu o azucre
nin cando o verqueu na cunca

uns poucos grans brancos
acabaron no prato
uns poucos
na mesa

pero pasaron os minutos
devagar coma doenzas
e ela non saíu

e a el fóiselle facendo
un nó de frío e tristura
na gorxa
porque xustamente hoxe sentara
na mesa exacta
porque xustamente
hoxe a amaba máis ca nunca

e concluíu que o xesto
de agardala todos os días
de ollar todos os días para ela
dende lonxe
de vela marchar entre a xente
era proba abondo
do seu amor

e pensou no equilibrio

e na soidade

e a cunca de café
estaba chea
o café frío
cando se levantou
foi ata a barra
pagou o café que non tomara
e marchou ás présas
porque non era ben
que o visen chorar na rúa

 
     
   [regresar ao índice do libro] | [deixar un comentario]  
  [regresar á páxina principal do sitio] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]  
     
 
licenza creative commons

esta obra está publicada baixo unha licenza de creative commons.