páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
     
    poemario en construción
     
poema   diagnóstico
versión   1
ligazóns asociadas na bitácora  
                                   
outras versións    
 

diagnóstico

ao saír da consulta dirixiu
os seus pasos cara á casa

esperaba ese momento
dende había anos

e finalmente aí estaba

e andaba pola rúa en dirección
á parada do autobús
e sorprendíase de facelo
coma sempre

a súa vida cambiara
nos escasos minutos que lle levou
ao médico
detallar o resultado dos estudos

e agora descubría
que non era quen de mudar
os pequenos hábitos cotiáns

tivo que agardar uns minutos
polo autobús
o aire era frío
pero o sol daba ás cousas
unha cor limpa

o mundo estaba libre de impurezas

no autobús
miraba para a xente e pensaba
se debían notar
no seu xesto
a proximidade da morte

ao baixar
cruzouse cun veciño
que o saudou co habitual
xesto imperceptíbel
e tampouco non pareceu
decatarse

entrou na casa

o silencio na sala fíxoo imaxinar
o día en que saíse publicada
a nova do seu pasamento nos xornais

pensou nas persoas
que o recordarían

no estraño que resultaba
facer parte da memoria dalguén

abriu a neveira
colleu unha pequena
peza de queixo

buscou no caixón
da mesa do teléfono
a súa axenda

unha táboa de madeira un coitelo

e sentou

cortou un pequeno
anaco de queixo

e comezou a pasar
as páxinas da axenda

 
     
   [regresar ao índice do libro] | [deixar un comentario]  
  [regresar á páxina principal do sitio] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]  
     
 
licenza creative commons

esta obra está publicada baixo unha licenza de creative commons.