páxina persoal de eduardo estévez
  principal
  datos persoais
  publicacións
  ligazóns
  contacto
  luagris.net
     
 
     
    poemario en construción
     
poema   correo
versión   1
ligazóns asociadas na bitácora  
                                   
outras versións    
 

coñecéranse
por correo electrónico
tanto teñen as circunstancias

e durante un tempo intercambiaran
mensaxes a cada máis
íntimas

vivían na mesma
pequena cidade
e probabelmente os seus rostros
non lles resultasen de todo alleos
o día que decidiron
coñecerse

pero non marcaron
cita ningunha

como os personaxes dunha novela
xogarían a encontrarse

non ía ser difícil
coñecíanse os gustos
e mais un rostro que procura
ten un xesto de levísimo
desacougo
recoñecíbel

afixéronse
cada un
a sentar nos bares de cara á porta

cada vez que se abría
e entraba unha persoa que podía
encaixar coa imaxe construída do outro
un pequeno
afogo
premíalles o peito
a expectación
debuxábaselles nos ollos
no brevísimo espazo entre que a porta
se abría
e a ollada de quen
acabababa de entrar
mudaba en sorriso por terse
cruzado
coa persoa procurada
nunha mesa veciña

e pasou o tempo

as mensaxes de correo electrónico
seguiron atravesando o espazo
virtual que os unía
pero o encontro non chegaba

un día m
atopou un traballo mellor
noutra cidade
próxima pero tan distante

enviou unha mensaxe a h co seu novo
enderezo electrónico
pero a mensaxe non chegou

un día h
ía de camiño á
oficina
e o seu coche saíuse
da estrada por causas descoñecidas
e bateu contra un muro

non foi grande o dano
do vehículo pero un mal
movemento da cabeza no momento
da maniobra brusca
provocoulle a h a morte instantánea

ao día seguinte m
viu pola mañá a nova no xornal
e pensou na dor
que sentiría a familia
ao ver a foto
obscena
do accidente
o rostro
coma durmido
da víctima

ao chegar á oficina
atopou o correo que enviara a h
devolto

a súa mensaxe non puido ser entregada por
tempo de espera superado sen resposta do servidor de destino
ténteo novamente

e reenviouno

 
     
   [regresar ao índice do libro] | [deixar un comentario]  
  [regresar á páxina principal do sitio] | [regresar ao índice de publicacións] | [arriba]  
     
 
licenza creative commons

esta obra está publicada baixo unha licenza de creative commons.