|
Percorrer
lúa gris permíteme contar máis ou menos
a miña propia historia. Defendo firmemente a independencia
entre a voz poética e o autor do poema. E dende esa premisa
digo que lúa gris é, dalgún xeito, un
libro autobiográfico, sen que iso signifique que todo o que
alí está dito é verdade. Porque é literatura,
e porque a memoria non é tanto a reconstrucción do
pasado senón a construcción dunhas paisaxes que nos
gustaría ter visto, da persoa ou as persoas que nos gustaría
ter sido. Un xogo de máscaras, de imposturas.
Así
que nacín no lado de Palermo onde, segundo di de pasada Borges
no seu Evaristo Carriego, comezaban a se instalar, alá
polos finais do dezaoito, os inmigrantes calabreses. A literatura
traizooume e nun poema do libro falo de casas xenovesas. Pero de
calabreses é que fala Borges, e calabreses eran a maioría
dos viciños, aínda que a familia da miña avoa
viña dun sitio preto de roma.
A realidade
é que nacín noutra zona de Palermo, pero iso non fai
parte da construcción da memoria.
Pouco
despois mudámonos a outro barrio, "máis fermoso
e distante". En Coghlan crecín, mais a patria é
Palermo.
Entre
Coghlan e o centro, onde fun ao instituto, e onde despois tamén
traballaba, transcorreu o resto da miña vida porteña
e a segunda parte do libro.
O final
daquel tempo non aparece en lúa gris. A zona norte,
"La Manzana Podrida" e despois "La zona", unha
emisora clandestina de radio con dous nomes e, sobre todo, un bo
grupo de amigos que medrou a partir dalí. De todo iso só
hai un poema en só paxaros... que lembra os últimos
meses e os encontros no Café Ingenieros. Mais tamén,
na memoria, os amigos e, na cultura, sobre todo o tango.
Uns
poucos anos antes comecei a escribir os meus primeiros relatos.
A culpa tena Daniel Arias que me convertiu nun apaixonado da literatura.
Foi no seu obradoiro onde empecei a escribir tamén os meus
primeiros poemas. Pero creo que eran mellores os relatos.
No
obradoiro de Daniel Arias pasei catro ou cinco anos e del xurdiu
o meu primeiro libro. Foi un pouco iniciativa de todos. Un tempo
antes empurraramos a primeira aventura de Diego Muzzio, que hoxe
vai collendo un espacio de seu. E pouco despois os compañeiros
convencéronme de que eu tamén podía. Así,
remexendo en toneladas de papel, facendo uso e abuso das tesouras
e coa colaboración inestimábel de Diego e mais de
Fernando Tomasenía saíu Catedrales de perfil.
Outra
cousa memorábel daqueles tempos foi a tempada que pasei aprendendo
música e composición con Gustavo Mozzi. Agora todo
iso téñoo abandonado, pero hai cores nos meus poemas
que teñen algo que ver co que aprendín daquela.
Creo
que non pasaron catro meses dende que saíu Catedrales...
e eu marchei de Arxentina.
A seguinte
escala da viaxe foi Caracas, onde vivín algo máis
de cinco anos. Marchei de Buenos Aires o 17 de outubro de 1990,
e vivín en Caracas ata o 9 de xaneiro de 1995.
A etapa
venezolana ten un papel importante na miña aventura literaria.
Alí, coa colaboración fundamental de Harry Almela,
aprendín moito do que hoxe son como poeta. E tamén
escribín artigos, e publiquei traduccións diversas,
primeiro da poesía brasileira, despois un alguiño
de Portugal e, finalmente, de Galiza. O medio editorial e cultural
de Venezuela foi xeneroso comigo, penso.
A finais
de 1993 fixen unha viaxe que en moitos sentidos foi fundamental.
Dela vou contar que, nunha librería de Compostela comprei
dúas antoloxías da poesía galega, e mais un
libriño de verbos. Parella curiosa, paréceme. A maiores
regaláronme un par de libros de poesía (os Cantos
Caucanos de Avilés era o máis memorábel
deles) e despois conseguiría un diccionario.
As
antoloxías eran, unha de poetas dos 80 (aínda ninguén
falara de tal clasificación ou, cando menos, non comparándoa
con nada posterior), bilingüe, Visor. A outra é aquela
reedición nun só volume dos libros todos da colección
Val de Lemos que fixo Espiral Maior.
Con
iso debaixo do brazo marchei de regreso a Caracas e, nun ano, resultaron
nun meu segundo libro (hai máis polo medio, pero non vén
aquí a conto), Ya tan deshabitado, que publicou Harry
Almela na súa editorial La liebre libre, e Finisterræ,
unha selección de poemas de Xavier Rodríguez Baixeras,
Xosé M. Álvarez Cáccamo, Manuel Forcadela e
Xela Arias que traducín non sen precisar moita axuda transoceánica.
Á
fin, en xaneiro de 1995 volvín cruzar o océano. Na
comarca compostelá (primeiro no barrio de Santasmariñas,
despois en Framil, Ames, despois en Bertamiráns e, dende
hai un tempo, nas Fontiñas compostelás) cambioume
a vida, en moitos sentidos. O que importa aquí e agora é
que empecei traducindo un libro que xa tentara publicar en Venezuela
sen éxito: Sólo pájaros salieron de mi boca.
O resultado, tras moitos trasegos, envíos, editoriais, esperas
(¡esperas!) e, sobre todo, correccións e correccións,
deu en só paxaros saíron desta boca. A pequena
diferencia entre os dous títulos non é proba fiel
da enorme diferencia que hai entre un libro e mais o outro. Todo
un océano.
A Miro
Villar e sobre todo a Rafa Villar débolles moitísimo.
Eles non só me acolleron con cariño e acabaron convertíndose
en grandes amigos, senón que creron no que eu facía,
creron en só paxaros... e, en boa parte, a eles debo
que decidise, finalmente, envialo ao concurso que o premiou. Foi
o meu primeiro premio literario, un accésit (moito lembrei
a Daniel Arias daquela) na convocatoria de 1997 do Premio Miguel
González Garcés. Un premio demasiado relevante, penso,
para o meu primeiro libro en galego.
Dende
aquela o ritmo foi sostido. Escribir, escribín outros seis
libros. Dos que xa viron a luz tres e logo serán catro.
Xusto
despois de rematar a traducción de só paxaros...,
e antes de que só paxaros... chegase a ser o que finalmente
foi, escribín xa directamente en galego os veos da paisaxe,
que acabaría vendo luz só a finais de 2000 en Retagarda
Edicións. Despois veu lúa gris, que acabou
por se publicar antes có outro, en 1999, na colección
Ablativo Absoluto de Edicións Xerais.
Neste
punto debo retomar o fío co que comecei. As dúas últimas
partes do libro, de lúa gris son poemas da distancia
e da soidade. Nalgún punto había que cortar, e as
cousas quixeron que o punto fose baixo. Despois as cousas mudaron
bastante, e por iso nos recitais de presentación sempre lin
primeiro os poemas do final.
Dos
outros libros, o ano 2002 ocupouse de que dous deles colleran voo.
derrotas foi merecedor do VI Premio de Poesía Concello
de Carral e viu luz en 2004 en Espiral Maior, cunha fermosa ilustración
de portada de David Creus. E no XV Premio de Poesía Eusebio
Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro, foi galardoado
co primeiro premio o meu caderno apócrifo da pequena defunta
que viu luz polas artes de Ediciós do Castro en novembro
de 2003.
Despois
de que, por dicilo dalgún xeito, quedase claro que había
quen quería falar da xeración dos 80 e da xeración
dos 90, inventamos Letras de Cal, para publicar libros de autores
inéditos ou case.
Foi
un proxecto ilusionante, que levou á rúa 14 títulos,
e gañou un espacio relevante, coido eu, na edición
de poesía galega. Unha experiencia colectiva da que me sinto
orgulloso.
Tamén
creamos Retagarda Edicións, pero o proxecto logo quedou durmido.
En
2005 publico na web dous poemarios inéditos.
Postais
é unha aventura a catro mans, escrita a saltos de océano
con Caro Erlich, botando man do vello correo. Un texto para títeres
que se foi enleando con poemas, que despois coñeceu os escenarios
de Buenos Aires e agora, finalmente, está a disposición
dos lectores.
Finalmente,
mapas para describir a ausencia. Foi unha pescuda necesaria
ao rematar de escribir o caderno apócrifo da pequena
defunta e hoxe, visto dende lonxe, paréceme unha mirada
honesta. Poucas cousas máis importantes.
Finalmente,
Tamin en 2005 viu luz itinerarios. Unha antoloxí feita coa
colaboración de Estevo Creus, Marta Dacosta, Celso Fernández
Sanmartín, María Lado, María do Cebreiro, Antía
Otero, Baldo Ramos e Rafa Villar, aparecida na colección Poeta en
Compostela que publican El Correo Gallego, o Concello de Santiago e mais
a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
2006 empeza cun
novo proxecto: un libro que empezo a escribir en público. A idea é
deixar constancia de todos os pasos do proceso de construción e ir
comentando nun blog cada un dos pasos dados. O blog permitirá
tamén que os lectores curiosos poidan participar, opinar ou comentar
os pasos ou o proceso.
E tamén
me fixen informático, e agora dedico boa parte do meu tempo
libre á construcción e administración de sitios
web. Podedes ver as primeiras cousas que fixen: a páxina
persoal de Rafa Villar e a páxina de Letras de Cal, a de
Marilar Aleixandre, a de CEMMA e a da Asociación de Escritores
en Lingua Galega. E haberá máis. É unha promesa.
Para
regresar á versión formal do meu currículum
preme aquí.
|