O deputado do BNG no Parlamento Europeu

CINCO ANOS DE GALIZA NA UNIÓN

bng

GALIZA NO PARLAMENTO EUROPEU

O traballo levado a cabo polo BNG na lexislatura 1999-2004 forma parte da loita democrática a prol do recoñecimento político e institucional de Galiza como nación e do programa de transformación política, económica e social que definen ao Bloque como organización nacionalista e da esquerda.

Con Galiza e as demáis nacións sen Estado a Unión Europea debe entrar nunha nova etapa na que a soberanía partillada non sexa só atributo dos Estados e da Unión, senón tamén das entidades nacionáis hoxe subestatais. Exixe tamén a estruturación dos instrumentos políticos e económicos dunha Europa social, que garanta a cohesión e a solidariedade, superando a orientación neoliberal dominante e necesita do estabelecimento dunha política exterior e de defensa que lle permita á Unión unha presenza mundial pola paz e a solidariedade, contra a marxinación e a pobreza.

Nesta loita democrática resulta crucial a presenza de Galiza no Parlamento Europeu através das propostas como as do BNG que respondan ao proxecto nacional galego. Esa presenza materializouse na lexislatura 1999-2004 nunha acción que incluiu cuestións referentes directamente a Galiza e cuestións que sendo de ámbito estatal, europeu ou mundial afectan á sociedade galega. Deu a visión do BNG desde Galiza en asuntos que afectan a intereses ou valores que teñen a ver cos galegos e as galegas como cidadáns de Galiza, do Estado e da Unión e como parte da humanidade.

O documento que se apresenta aquí reflicte o traballo do deputado do BNG Camilo Nogueira, e das súas colaboradoras no Parlamento Europeu Ana Miranda e Iria Barxa. No seu traballo utilizou os instrumentos fornecidos pola institución parlamentaria aos Grupos parlamentares e aos deputados nos Plenarios e nas Comisións perante a Comisión Europea e o Consello. Recolleu iniciativas nacidas directamente da sociedade galega, empregou o programa apresentado ás eleicións europeas e o programa xeral do BNG, e respondeu aos relatorios políticos e lexislativos debatidos oficialmente e tratou de relevancia e de urxente actualidade.

No documento aparecen iniciativas que responden ao proxecto e á emancipación nacional de Galiza, as aspiracións de igualdade, xustiza e solidariedade dos cidadáns, a presenza no Estado, en Europa e no mundo, a comprensión solidaria dos problemas da humanidade, particularmente dos paises pobres e marxinados, como corresponde a unha visión de Galiza como unha nación de cidadáns diferenciada e aberta. As posicións do BNG como as do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea (ALE) no que estivo integrado, formaron parte inequívoca da esquerda democrática europea e situáronse no campo da defensa da diversidade nacional e cultural de Europa e na necesidade dunha Unión política e social, presente no mundo como factor de solidariedade e paz. Como a expresión concreta deste traballo, apreséntanse no documento, entre outras:

Iniciativas referentes o benestar e ao desenvovimento económico e social

  A regresión demográfica en Galiza;
  A contía e a aplicación dos Fundos Estruturais; os efectos do alargamento a novos Estados nas políticas de cohesión europea;
  O desemprego en Galiza, o desemprego das mulleres;a emigración da xente nova, a emigración de profesionais; a prevención de riscos laborais;
  A violencia contra as mulleres, a igualdade entre mulleres e homes, o emprego feminino;
  O direito á saude dos cidadáns, a Carta dos Direitos á Saude dos Cidadáns da Unión;
  As redes de transporte por ferrocarril de alta velocidade de ligazón de Galiza con Portugal, o resto da Península e o centro de Europa; as ligazóns aéreas internacionáis desde aeroportos galegos frente a centralización na capital do Estado; as autoestradas marítimas; as vias de comunicación interiores;
  A reforma da Política Común da Pesca, a reivindicación de iguais direitos para a frota galega nos mares comunitários, os acordos de pesca como o de Marrocos, a pesca en aguas internacionáis, as condicións de vida dos mariñeiros a bordo, a Axencia Europea de Control da Pesca;
  A reforma da Política Agrícola Común, as cuotas lácteas, a crise das vacas tolas, a consideración na Unión dos montes de viciños e os temas forestais, a aplicación en Galiza dos programas Leader e Proder;
  Os problemas industriais: ENCE, Izar, Santa Bárbara;
  Os problemas de meio ambiente nos rios Ulla, Tea, Narla e Miño, Umia, Eume, Landro; nas zonas da rede Natura 2000; na autoestrada Puxeiros-Tui; nas explotacións de pizarra a ceu aberto; o saneamento Integral da ría de Vigo; a ubicación das antenas de telefonía móvil; as redes da alta tensión;
  O sistema operativo (software) libre;
  A crise do Prestige, a Comisión sobre a catástrofe do Prestige e a seguranza marítima internacional;
  A realidade e a aplicación do Plano Galiza;

Iniciativas referentes ao autoGoberno nacional de Galiza:

  O recoñecimento de Galiza como nación e, en xeral, o recoñecimento das nacións sen Estado;
  A necesidade da apertura de vias de diálogo entre as institucións centrais do Estado español coas nacións sen Estado internas na perspectiva da institucionalización do Estado plurinacional;
  A participación nos debates sobre o futuro da Unión Europea e a respeito da Constitución da Unión;
  A presenza de Galiza no Consello de Ministros da UE;
  A capacidade para apresentar recursos no Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas; a consulta ao Parlamento de Galiza das iniciativas lexislativas da Comisión; a presenza do Parlamento de Galiza en Comisións do Parlamento Europeu;
  A circunscripción eleitoral galega na Unión;
  A capacidade para intervir en políticas comunitárias como as da pesca, agricultura, a criazón de emprego, a cultura;
  A xestión por Galiza dos Fundos Estruturais e do Fundo de Cohesión.
  Os debates a respeito das perspectivas orzamentarias e financeiras perante o alargamento a novos Estados e sobre a necesidade dun Orzamento comunitário capaz de facer frente á construción da Europa política e social;
  A capacidade fiscal da Comunidade Autónoma,
Asumindo a Presidencia do Intergrupo de Nacións sen Estado, Camilo Nogueira contribuiu de forma salientábel a facer presente e a impulsar as aspiracións e reivindicacións destas nacións no Parlamento Europeu

Iniciativas internacionáis pola solidariedade, a paz e a liberdade nacional no mundo

  A misión de paz a Iraque, pouco antes do ataque dos EEUU; a misión á ONU mantendo entrevistas co mesmo obxectivo con Kofi Annan e Hans Blix; a guerra dos EEUU e o Reino Unido en Iraque, co apoio do Goberno do Estado español, constituiu un elemento especial da acción parlamentaria do BNG, manifestando a súa posición contraria á guerra e, particularmente, contra as decisións do Presidente do Goberno do Estado español. A denuncia da cadea de Guantánamo e das torturas a que son submetidos alí os presos dos EEUU;
  A misión a Palestina despois da masacre de Ienin; as iniciativas parlamentares sobre a ocupación de Palestina polo Estado de Israel;
  A participación nos tres Foros Sociais Mundiais de Porto Alegre e no de Bombai; a participación na Cimeira da Terra de Johannesburgo; a participación nos Foros Sociais Europeus de Florencia e Paris;
  As misións a Brasil, Arxentina e Chile, con reunións cos Gobernos e os Parlamentos; o recoñecimento especial dos latinoamericanos na súa demanda de residencia por traballo no Estado e a non imposición de visado para os mesmos;
  A guerra de Rusia en Chechenia; os desastres naturais en Irán ou Mozambique; a ocupación e a represión de Timor Leste por Indonesia; a autodeterminación do Saara Occidental; a liberdade do Tibet; a democracia, os direitos humanos e a personalidade maioitária dos indíxenas en Guatemala; os direitos das minorías nos países do alargamento como o caso das minorías húngaras en Eslovaquia;
  Os problemas humanitarios e políticos dos emigrantes e refuxiados. A traxedia dos inmigrantes mortos afogados nas costas de Andalucia, Canarias ou Sicilia;
  Os problemas da miseria no mundo e das doenzas que sofren os paises pobres e marxinados; a traxedia dos nenos escravos en paises de Africa;
  A politica exterior da UE e sobre as relacións económicas internacionáis e a Organización Mundial do Comercio.

Iniciativas sobre a língua galega

  De acordo coa convición da organización de o galego ser a língua propria de Galiza e tamén unha lingua universal através do galego-portugués, utilizouna na Parlamento Europeu. Fíxoo praticamente sempre nas iniciativas escritas, habitualmente nas intervencións no Plenario do Parlamento e frecuentemente nas intervencións en Comisión, sen prexuizo do uso do castelán e tamén de outras de línguas nas reunións de traballo dos deputados;
  No mesmo sentido, contemplando igualmente aspectos políticos, económicos e sociais, tomou iniciativas a respeito da relación de Galiza con Portugal no seo da Unión e a relación cos outros paises de fala galego-portuguesa como Brasil.
 

O recoñecimento da diversidade lingüística da Unión para alén das actuais línguas oficiais dos Estados

Visto deste o ponto de vista cuantitativo, o traballo do BNG deu lugar a varios centos de intervencións, sumando intervencións orais en Plenario e Comision e perguntas por escrito á Comisión Europea e ao Consello:

158 intervencións no Plenario do Parlamento nos debates xerais e sectoriais ou mediante perguntas orais á Comisión Europea ou ao Consello
416 perguntas escritas á Comisión Europea ou ao Consello
Un alto número, indeterminado, de intervencións orais nas aproximadamente 250 reunións das Comisións ou Delegacións ás que pertence o deputado do BNG.

Na relación cuantitativa poderían incluirse as emendas aos relatorios e textos lexislativos tratados; as actividades internas no Parlamento en colaboración con deputadas e deputados de outros Grupos Parlamentares, particularmente no Intergrupo de Nacións sen Estado que presidiu; as misións políticas internacionáis; a acollida de grupos de traballo de representantes de sectores da sociedade galega a Bruxelas e Estraburgo para trataren problemas relacionados coa UE; a atención e tratamento desde o escritorio do BNG de consultas procedentes de Galiza

ENLACE CO PE   ENLACE CON BNG